Blogia
vgomez

A FOTOGRAFÍA 51

Desde que fose tomada en 1952, a ‘Fotografía 51’ marcou un antes e un despois no referente á estrutura da vida tal e como a entendemos agora. Nela, Rosalind Franklin (1920-1958) utilizou a difracción de raios X para capturar a estrutura de dobre hélice do ADN, algo  detectable a primeira ollada polas bandas dispostas en cruz. Segundo os expertos, esa ‘X’ perfecta no centro era reveladora da estrutura en escaleira de caracol da macromolécula da herdanza.

Cualificada desde os seus primeiros anos de “alarmantemente intelixente”, Rosalind pronto quedou fascinada polo mundo do extremadamente pequeno, aínda que medible en tres dimensións, que no futuro ela mesma iría desentrañando. Foi despois da II Guerra Mundial cando comezou a interesarse polas novas técnicas de difracción de raios X, e adquiriu unha excelente destreza aplicándoas a substancias amorfas.

Ao sabelo, o director do laboratorio do King´s College de Londres ofreceulle ocuparse de estudar coa nova técnica a estrutura do ADN, traballo no que Maurice Wilkins, o seu compañeiro de traballo, non lograra resultados. Neste contexto é no que Franklin obtivo a foto.

Ás costas de Rosalind, Wilkins mostrou esta imaxe ao biólogo James Watson, que traballaba con Francis Crick na mesma materia. Estes puideron refacer a partir da foto un modelo en tres dimensións do ADN que construíran. Coa evidencia, publicaron o descubrimento na revista Nature, o que lles valeu o Premio Nobel de Medicina en 1962, xunto con  Wilkins.

Por desgraza, un cancro de ovarios provocado en parte polas repetidas exposicións á radiación acabou coa vida de Rosalind en 1958, o que impediu que gozase deste galardón que merecía. De todos os xeitos, Watson encargouse de que o seu nome non aparecese no premio, desmentindo que a científica participase. Ademais,  desfiguró máis tarde a súa imaxe no libro A dobre hélice.

Con todo, a pesar da súa morte prematura (aos 37 anos de idade) e de ser criticada por Watson, hoxe en día son indubidables as transcendentais achegas á bioloxía desta muller. E non só polos seus descubrimentos do ADN, tamén polas súas investigacións sobre o virus do mosaico do tabaco no Birbeck College xunto ao físico Bernal. Tratábase dun estudo relevante para o ámbito da agricultura, onde as técnicas  cristalográficas poderían ser moi útiles.

Como curiosidade, a actriz Nicole Kidman encarnou á propia Rosalind Franklin nunha obra teatral de Anna Ziegler que se estreou no West End de Londres en 2015. A historia está contada principalmente desde o punto de vista daqueles que se beneficiaron directamente da súa investigación, centrándose na etapa de Franklin no King’s College de Londres, onde levou a cabo o seu traballo sobre a estrutura do ADN, e como unha fotografía, a fotografía titulada 51, levou á nosa comprensión da natureza da vida.

FONTE: Vanessa Torres e Sarah Romero/muyinteresante.es

0 comentarios