A CAPELA SIXTINA. UN TRATADO OCULTO DE ANATOMÍA HUMANA?
Poucos personaxes soados teñen o privilexio de pasar á historia co seu nome de pila, é unha honra reservada aos máis grandes como Michelangelo dei Lodovico Buonarroti Simoni, coñecido simplemente como Miguel Anxo. O artista nado na República de Florencia o 6 de marzo de 1475 legou á humanidade algunhas das pezas máis admiradas da historia da arte, como os frescos da Capela Sixtina ou o David. A súa obra é famosa pola súa fidelidade anatómica, pero un dato non tan coñecido é a fonte deste coñecemento: Miguel Anxo practicou numerosas diseccións de cadáveres que lle inspiraron mesmo, afirman algúns investigadores, para esconder todo un tratado de anatomía interna nos seus frescos vaticanos.
A faceta de Miguel Anxo como estudoso da anatomía arrinca na súa mocidade temperá en Florencia. Tras a morte en 1492 do seu protector, o mecenas Lorenzo de Medici, o artista tallou en madeira un Cristo crucificado para o prior do convento de Santo Spirito, quen lle permitía utilizar unha sala para diseccionar cadáveres do hospital asociado á igrexa. Segundo escribiu o seu discípulo e biógrafo Ascanio Condivi, ao mestre producíanlle un gran pracer estes estudos de anatomía.
A faceta de Miguel Anxo como estudoso da anatomía arrinca na súa mocidade temperá en Florencia. Fonte: Metropolitan Museum of Art, colección online
Aínda que o tabú da disección do corpo humano mitigouse na Idade Media e no Renacemento aconsellábase a escultores e pintores que asistisen a estas operacións públicas para documentarse, o florentino foi un dos primeiros artistas que emprendeu estes estudos en persoa. Condivi describía un debuxo de Miguel Anxo que representaba a dous homes diseccionando un corpo á luz dunha vela cravada no ventre do cadáver. O artista continuou practicando diseccións ata unha idade avanzada, cando as abandonou porque chegaron a producirlle noxo.
Para entón, Miguel Anxo adquirira un coñecemento profundo do corpo humano. Condivi relatou como era capaz de impartir toda unha lección maxistral de anatomía cun cadáver nas súas mans, revelando detalles que nin sequera os médicos da época coñecían. Mesmo planeou publicar un tratado en colaboración co eminente anatomista Realdo Colombo, o seu amigo, médico e, polo menos nunha ocasión, provedor de cadáveres.
Pero aínda que o seu tratado de anatomía nunca chegase a materializarse, hai quen afirma que Miguel Anxo deixou representados numerosos detalles do interior do corpo humano na súa decoración da Capela Sixtina. Segundo o médico estadounidense Frank Lynn Meshberger, o manto rosado que rodea a Deus no panel da creación de Adán ten un sospeitoso parecido coa forma dun cerebro humano, o que para este autor esconde unha mensaxe codificada por Miguel Anxo: o agasallo da intelixencia concedido polo creador.
Vista composta da tese pictórica de F. L. Meshberger sobre a imaxe incrustada do cerebro na Creación de Adán / F. L. Meshberger
No 2000 o nefrólogo Garabed Eknoyan publicou un estudo no que establecía unha similitude en estrutura e cores entre o manto de Deus no fresco da separación das terras e as augas, e un ril dereito diseccionado. Eknoyan non só relacionaba esta aparente semellanza cos propios problemas de ril que sufría o artista, senón que ademais interpretaba esta representación como unha metáfora deliberada da función renal na separación de sólidos e líquidos, tal como entendíase entón.
Pola súa banda, os médicos suecos Lennart e Anne-Greth Bondeson sosteñen que o Deus plasmado noutro panel, a separación de luz e escuridade, mostra no seu pescozo claros signos de bocio, unha doenza tiroidea que puido padecer o propio artista. Os Bondeson suxiren que mediante tal representación Miguel Anxo quixo conferirse un status divino a si mesmo. Pero curiosamente, iste mesmo pescozo de estraños volumes e iluminación incoherente ten para oneurocirurxián Rafael Tamargo e o ilustrador médico Ian Suk outro significado moi distinto: trátase dun esbozo do tronco cerebral humano, ao que acompañan unha medula espiñal e un nervio óptico nos pregues das roupaxes.
Varios investigadores ven a Capela Sixtina como un tratado encuberto de anatomía humana / Antoine Taveneaux
Aquí non acaban as especulacións: unha articulación do ombreiro debuxada no corpo dunha sibila, unha vértebra no de Holofernes, o óso hioides na postura de Deus separando a luz da escuridade, un pulmón na forma do manto de Deus creando a Eva… Todo un “código Miguel Anxo” no que varios investigadores quixeron ver a Capela Sixtina como un tratado encuberto de anatomía humana, pero de cuxa veracidade dificilmente existirá xamais unha soa proba.
FONTE: Javier Yanes/bbvaopenmind.com
0 comentarios