SABÍAS QUE... (A CEGOÑA)
A cegoña branca (Ciconia ciconia) e unha ave grande da familia das cegoñas Ciconiidae.
Miden de 80 a 100 cm de lonxitude, teñen unha envergadura alar de ata 220 cm e pesan entre 2,3 e 4,5 kg.
Son case completamente brancas, coas plumas das alas negras. O peteiro, longo e forte, e as patas son vermellos nos adultos e negros no caso dos exemplares novos.
Camiñan de xeito lento e firme cando están no chan e voan co pescozo estricado.
A súa voz e case inaudible, polo que fan ruídos producidos ó facer bater o bico coma unhas castañolas. Este repique serve para saudar á parella cando chega ó niño e para ameazar ós competidores. Utilízano tamén durante o ritual de cortexo.
A súa alimentación é estritamente de orixe animal. Son cazadores oportunistas, que comen do que encontran: miñocas, insectos, anfibios, réptiles, ratos, peixes e mesmo preas. O seu método de caza é moi característico: camiñan polos prados ou as zonas húmidas buscando presas que capturan estirando o pescozo moi rapidamente e cazando a vítima co bico. Tamén poden cazar axexando desde un punto de observación fixo. En augas pouco fondas buscan alimento percorrendo a superficie co bico.
Crían en áreas abertas ou semiabertas, preferindo as que están preto de zonas acuáticas. Fan os niños en árbores, edificios e cantís. É frecuente que fagan os niños nas espadanas e torres das igrexas. Moitas veces forman pequenas colonias. .
Adoitan usar o mesmo niño varios anos, de xeito que machos e femias, aínda que forman só parellas estacionais, poden atoparse preto do mesmo niño do ano anterior. A posta componse de entre 3 e 5 ovos, que son brancos cun granulado fino e dúas veces máis grandes que un ovo de galiña.
É unha ave migratoria que se ve obrigada a voar distancias longas entre os seus cuarteis de inverno ó sur do Sáhara e no Indostán e as áreas reprodutoras do norte. Voan a vela aproveitando as correntes térmicas ascendentes quentes. A falta destas correntes en mar aberto fai que deban aproveitar os estreitos para cruzar.
Nos últimos anos algunhas cegoñas deteñen a súa viaxe na Península Ibérica, atraídas pola oferta de alimento que atopan en campos de arroz e vertedeiros de lixo, e renuncian a pasar a África.
Algúns exemplares permanecen nos seus territorios de cría durante o inverno. Nos máis dos casos trátase de animáis que tiveron unha relación moi estreita co home o que provocou a alteración da súa conduta migratoria.
FONTE: gal.wikipedia.org
0 comentarios