Blogia
vgomez

CALENDARIO ESCOLAR PARA O PRÓXIMO CURSO 2021/2022

Segundo recolle a orde publicada no Diario Oficial de Galicia de hoxe, venres, o calendario escolar para o curso 2021/2022, en educación infantil, primaria e especial as actividades lectivas realizaranse do día 9 de setembro ao 22 de xuño, ambos os incluídos. En secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato e formación profesionais as clases comezarán o 15 de setembro e acabarán o 22 de xuño, igual que nos outros niveis. En todo caso, para o segundo curso de bacharelato a impartición efectiva das aulas acabará de acordo coas datas previstas para a selectividade. 

En canto aos ensinos de réxime especial, as súas actividades lectivas realizaranse entre os días 15 de setembro e 30 de xuño de 2022, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.

As vacacións quedan deste xeito:

- Nadal: Empezarán o 22 de decembro (en lugar do 23) e estenderanse ata o 7 de xaneiro, os dous incluídos.
- Entroido: os días 28 de febreiro, 1 e 2 de marzo.
- Semana Santa: desde o día 11 ata o 18 de abril de 2022, ambos os incluídos.

Tampouco serán días lectivos as declarados festas de ámbito estatal e os festivos oficiais da Comunidade autónoma, así como o Día da Educación, que se celebrará o 11 de outubro de 2021. Outra novidade é que por primeira vez instaurarase a celebración do Día de Rosalía de Castro o 24 de febreiro de 2022, cando se conmemora o seu nacemento.

A normativa de calendario escolar para o próximo curso establece por primeira vez o adianto a xuño das probas finais da convocatoria extraordinaria que ata o de agora se realizaban tradicionalmente en setembro, "cun axuste nas datas definitivas tal e como solicitaban as asociacións de nais e de pais", asegurou a Consellería de Educación nun comunicado.

Así pois, as probas finais da convocatoria extraordinaria para a ESO, 1º de Bacharelato (en 2º xa se fai en xuño) e o primeiro curso de Formación Profesional Básica realizaranse entre o 20 e o 22 de xuño de 2022. Aténdese así, afirma Educación, unha demanda da comunidade educativa avalada pola Xunta Autonómica de Directores e pola Mesa Sectorial Docente.

Ademais, o período comprendido entre o 6 e o 22 de xuño de 2022 dedicarase á preparación e realización das probas extraordinarias, así como a actividades de apoio, reforzo recuperación, ampliación e  tutorización para estes alumnos.

Se queres consultar a citada orde, publicada no DOGA preme  AQUÍ.

FONTE: farodevigo.es/faroeduca e DOGA

0 comentarios