Blogia
vgomez

PARACERATHERIUM LINXIAENSE, UN RINOCERONTE XIGANTE DE HAI 26,5 MILLÓNS DE ANOS

Reconstrución ecolóxica do novo rinoceronte xigante Paraceratherium linxiaense na meseta do nordés do Tíbet / Yu Chen

Esta maxestosa criatura máis alta que unha casa de dúas plantas e cun peso equivalente ao de catro elefantes africanos paseábase polo nordés de China hai 26,5 millóns de anos. Estiraba o pescozo e comía as follas das árbores coma se fose unha xirafa. Trátase dunha nova especie de rinoceronte xigante, un dos mamíferos máis grandes que xamais existisen sobre a Terra. Curiosamente, carecía do famoso corno que distingue aos seus parentes modernos. O descubrimento deuse a coñecer en Communications Biology.

Paraceratherium linxiaense, como foi bautizado, era un dos máis grandes entre os indricoterios (a familia que abarca aos rinocerontes xigantes), só superado, por moi pouco, por outra especie, Dzungariotherium orgosense, que xeralmente se considera o máis grande de todos eles.

O equipo de Tao Deng, da Academia de Ciencias de China en Pequín, describiu a nova especie a partir dun cranio e unha mandíbula completamente conservados atopados en depósitos de 26,5 millóns de anos na conca de Linxia da provincia chinesa de Gansu, onde se estiveron buscando fósiles de mamíferos desde a década de 1980.


Cranio / Tao Deng

Do mesmo xeito que con outros indricoterios, P. linxiaense tiña un pescozo longo, un cranio delgado, e dous primeiros incisivos superiores en forma de cono. Como diferenza, posuía unha cavidade nasal máis profunda. É probable que vivise en áreas de bosques abertos e comese as follas das copa das árbores como fan as xirafas modernas. "O rinoceronte xigante non ten corno e parece máis un cabalo que un rinoceronte", di Deng en New Scientist.

Os investigadores cren que este animal pesaría ao redor de 21 toneladas, o equivalente ao peso de catro elefantes africanos. Serían máis grandes que calquera mamífero terrestres actual. Quizais só poderían facerlles sombra aos mamuts máis xigantescos.

Segundo os autores, esta besta antiga tiña unha estreita relación cos rinocerontes xigantes de Paquistán. Estes achados expoñen a posibilidade de que o rinoceronte xigante pasara pola rexión  tibetana antes de converterse na meseta elevada que é hoxe. Desde alí, puido chegar ao subcontinente indio-paquistaní na época do  Oligoceno, onde se atoparon outros  especímenes de rinocerontes xigantes.

FONTE: abc.es/ciencia

0 comentarios