CANTO SABES SOBRE OS OCÉANOS? VII
Continúo coa serie Canto sabes sobre os océanos. Eles desempeñan un papel fundamental nas nosas vidas, xa que nos provén de boa parte do osíxeno que respiramos, absorben o dióxido de carbono que día tras día emitimos á atmosfera, regulan a temperatura e dannos para comer.
A contestación correcta á pregunta de onte é 11 km aproximadamente. Challenger Deep é o punto máis profundo coñecido na hidrósfera dos fondos mariños da Terra, cunha profundidade de 10.902 a 10.929 m. Atópase no océano Pacífico, no extremo sur da fosa das Marianas, preto do grupo das illas Marianas. A fosa foi nomeada en honra ao barco da Mariña Real Británica HMS Challenger, que participou no descubrimento da fosa en 1875.
E imos coa pregunta de hoxe!
7. Que é a acidificación dos océanos?
- A acidificación é un cambio que se produce no pH da auga e que é consecuencia dos refugallos que emiten os peixes e demais fauna que viven nela.
- Os océanos acidifícanse como consecuencia do crecente paso das embarcacións que van cargadas de mercadorías, mercadorías que veñen a Occidente procedentes fundamentalmente de China.
- A acidificación dos océanos prodúcese polo aumento das emisións humanas de CO2 á atmosfera. Cando o dióxido de carbono chega ao océano, reacciona coa auga de mar e prodúcese ácido carbónico, que aumenta a súa acidez.
Mañá a solución e unha nova pregunta!
FONTE: Idea orixinal muyinteresante.es/naturaleza e wikipedia.org
0 comentarios