Blogia
vgomez

HOMO LONGI, ESPECIE IRMÁN DO HOMO SAPIENS?

O cranio de Harbin / CELL

Un equipo liderado por científicos chineses di que atopou os restos dunha nova especie humana que viviu en Asia hai polo menos 146.000 anos e que sería o parente evolutivo máis próximo do Homo sapiens, a nosa propia especie.

Os investigadores bautizárono como Homo longi, home dragón, en referencia ao nome da rexión do nordés de China onde se atopou o cranio fósil. A análise desta caveira apunta a que se trataba dun home duns 50 anos, probablemente alto e forte. Este humano era unha especie de frankenstein con trazos primitivos e modernos: unha cabeza aplanada, grosos arcos sobre as cellas, unha boca ancha e uns dentes bastante máis grandes que os de calquera persoa actual. Pero tamén tiña un dos cranios máis grandes que se coñecen no xénero humano e podía albergar un cerebro do mesmo tamaño que o noso.

Este fósil ten características clave para entender a orixe do xénero Homo e a aparición da nosa especie”, explica Quiang Ji, investigador da Universidade GEO de Hebei e coautor dos tres estudos que describen a nova especie e a súa datación, publicados en The Innovation.


Reconstrución do aspecto do Homo longi, ou home dragón / Chuang Zhao

A proposta destes científicos é un novo cravo no cadaleito desa teoría que ve no Homo sapiens unha especie única e elixida, pois indica que hai uns 200.000 anos había na Terra sete especies humanas diferentes que en ocasións compartían hábitat e mesmo tiñan sexo e fillos. “Serían os sapiens, neandertais, Homo daliensis, Homo erectus, o home de flores, o de Luzón e esta nova”, explica Chris Stringer, investigador do Museo de Historia Natural de Londres e coautor de dous dos estudos sobre o home dragón. E a estas habería que sumar ao Homo de Nesher Ramla, o posible devanceiro dos neandertais cuxos restos achados en Israel foron presentados o pasado xoves.

A historia deste fósil é rocambolesca. En 2018, un campesiño levoulle o cranio a Ji. O fósil achouno un compañeiro do seu avó en 1933 mentres traballaba na construción dunha ponte sobre o río Songhua na cidade de Harbin, ao nordés de China, segundo China Daily, un diario do Ministerio de Propaganda chinés. O avó escondeu a caveira nun pozo para que non a levasen os xaponeses durante a guerra que enfrontou a ámbolos dous países. A caveira pasou de xeración en xeración ata chegar ás mans dese campesiño, que decidiu doalo á ciencia.

O principal problema desta historia é que se descoñece a contorna no que se achou o fósil. E así é moi difícil datalo. Nos estudos recentemente publicados, os científicos chineses anañizaron os compostos químicos do sedimento que o fósil ten aínda pegado na cavidade nasal e comparárono co dunha columna de terra extraída da beira do Songhua onde supostamente apareceu a caveira hai case un século. As idades coinciden e lanzan esa antigüidade de polo menos 146.000 anos.

Desde hai tempo, os fósiles humanos atopados en China expoñen un enigma sen resolver. Neste país acháronse cranios e outros ósos de homínidos que non encaixan en ningunha das especies coñecidas. Teñen por unha banda trazos que os achegan ao Homo erectus, un homínido alto e corpulento que foi o primeiro membro do noso xénero que saíu de África hai 1,9 millóns de anos e expandiuse por Asia. Doutra banda presentan características similares ao Homo sapiens, que chegou a esta zona do planeta hai uns 50.000 anos.

Os científicos responsables do estudo din agora que todos eses fósiles son de Homo longi. Os seus estudos apuntan a que esta sería a especie máis próxima á nosa na evolución, máis que os neandertais, pois propoñen que a separación destes e os sapiens deuse 400.000 anos antes do que se pensaba ata o de agora.

O fósil de Harbin e outros de China pertencen a unha terceira liñaxe de humanos que coexistiron con neandertais e sapiens”, comenta Stringer. “Se aceptamos que os neandertais son unha especie distinta, tamén o é esta”, sinala. Pero o paleontólogo británico prefire adscribir o novo fósil ao Homo daliensis, un deses cranios a medio camiño entre o erectus e o sapiens.

Hai xa sete anos, un grupo de científicos españois propuxo a existencia dunha nova especie de humanos en China. Naquel caso baseábanse nos restos dun neno que viviu hai uns 60.000 anos e que tamén tiña trazos mesturados. Unha das autoras da proposta era María Martinón-Torres, directora do Museo Nacional de Investigación sobre Evolución Humana, que é moi escéptica sobre o novo achado chinés. “É un fósil espectacular, pero dicir que é unha nova especie vai demasiado lonxe, sobre todo porque non se coñece o contexto [o terreo] no que foi descuberto”, opina a  paleoantropóloga.

Entre os fósiles que os científicos chineses etiquetan como home dragón está a mandíbula de Xiahe, achada en plena meseta de Tíbet. En 2019, un equipo conseguiu extraer proteínas do óso e estas mostraron que se trataba dun denisovano, a especie irmá dos neandertais que habitou Asia. “Non se pode ser irmán dos neandertais e dos sapiens á vez. A análise que fixeron ten inconsistencias e eu opino que o máis lóxico é emparentar esta nova especie cos neandertais”, engade Martinón-Torres.

Antonio Rosas, experto en neandertais do CSIC cre que “é un traballo revolucionario”. Refírese sobre todo á análise morfolóxica do cranio e a súa comparación co resto de fósiles humanos coñecidos, unha tarefa que ten unha importante compoñente de computación e que por iso mesmo é vulnerable, pois todo depende da programación previa que se introduza, por exemplo ao elixir que trazos son primitivos e cales modernos. “Esta aproximación é tan potente que pode rivalizar coa paleoxenética”, asegura Rosas en referencia á disciplina que analiza xenes e proteínas extraídas dos fósiles e que achegou a maioría dos grandes descubrimentos en evolución humana dos últimos anos, asegura Rosas. ”Iste podería ser o primeiro cranio coñecido dun denisovano, pero a análise sitúao máis preto dos Homo sapiens. É unha conclusión moi complexa que aínda haberá que discutir moito. O que queda claro é que xa non estamos diante dun paradigma unidireccional no que os devanceiros humanos saen de África para ir ao resto do planeta, senón que posiblemente houbo viaxes de volta de especies humanas desde Asia cara a África”, resalta.

FONTE: Nuño Domínguez/elpais.es/ciencia

0 comentarios