O RÍO DO ESQUECEMENTO
Cando Décimo Xunio Bruto colleu o testemuño das tropas romanas logo da morte de Quinto Servilio Cepión, xurouse que non deixaría ningún recuncho de Hispania sen conquistar. Derrotou aos lusitanos e fortificou os asentamentos para, desde alí, principiar a conquista do territorio galaico. Mais o ascenso non foi doado. As continuas escaramuzas dos seus poboadores, áxiles coma feras, facían tan penoso o avance, que entre as decimadas tropas romanas comezou a rumorearse que esa terra estaba protexida polos deuses. E, ao chegar ao río Limia, a tropa negouse a avanzar. Dicían que era o río do esquecemento e que se o cruzaban, esquecerían a súa identidade, os seus deuses e a súa patria. Décimo, nun arrouto de furia, termou do estandarte, cruzou o río e chamou un a un e polo seu nome os soldados para convencelos de que ninguén esquecería nada e cominounos a proseguiren a campaña.
Cando, días despois, atravesaron o río Minius e acadaron a costa, os romanos viron, abraiados, como o Sol se deitaba no océano, máis aló do cabo do mundo. Daquela, Décimo entendeu por que os galaicos pelexaban polas súas terras dese modo tan feroz: era o pobo elixido para defender o lugar de descanso do Sol.
Soaron as trompetas, os cabalos piafaron e as espadas estralaron contra dos escudos. Décimo ergueu as mans e, cun ímpeto semellante ao dun vendaval, a última tropa de Roma partiu coma un trono rumbo ao leste.
FONTE: Almanaque agrícola 2021/syngenta.es
INFORMACIÓN ACLARATORIA PARA SITUARSE NA LENDA:
Décimo Xuño Bruto Galaico (180 a. C.-113 a. C.) foi un xeneral e político romano. Avó de Marco Xuño Bruto, dirixiu ás tropas romanas na campaña de conquista do sur da actual Galicia e norte de Portugal, o que despois sería denominado Gallaecia.
Río Limia (nace no Monte Talariño-Ourense e desauga en Viana do Castelo-Portugal), río que os romanos coñecían como Lethes (ou Oblivio). Dicían ue era o río do esquecemento, e que se o cruzaban esquecerían a súa identidade e a súa patria.
O río Minius é o río Miño.
FONTE: gl.wikipedia.org
0 comentarios