Blogia
vgomez

XACOPEDIA, ENCICLOPEDIA 2.0 DA CULTURA XACOBEA

A Xacopedia supón a recompilación e posta en valor, por primeira vez e dunha maneira tan específica, dun patrimonio singular e único que só Santiago posúe, como meta milenaria dunha das rutas de peregrinación máis importantes, posiblemente a máis importante, do mundo, que é o Camiño de Santiago.

Ten o seu precedente na Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago, pero supón un paso máis ao facer máis accesible todo o relacionado coa cultura xacobea, a través dun recurso universal que é internet. A Xacopedia formúlase como unha ferramenta no sentido máis enciclopédico, como un simple buscador de termos, e asemade como unha rede social interactiva que lles permita a todos os amigos e amigas da cultura xacobea compartir a súa experiencia e coñecementos sobre o tema de forma rápida e sinxela, tanto a través do ordenador coma de dispositivos móbiles.

A obra, coma o propio Camiño de Santiago, traspasa as fronteiras europeas para chegar alá onde chegou a figura do apóstolo Santiago e a propia Ruta Xacobea, a lugares tan recónditos coma Perú, Zelandia, Cabo Verde, Israel, Filipinas…

A consulta a través da Xacopedia é rápida, sinxela e moi intuitiva, de xeito que resulta doado atopar un termo específico, pero tamén acceder a información máis xenérica, e funciona pola súa vez como unha ferramenta de coñecemento xeral do que supuxo, e supón, a peregrinación xacobea.

A información compleméntase con máis de dúas mil fotografías, gráficos, ilustracións e mapas que fan da Xacopedia a obra máis completa e actualizada do fenómeno da peregrinación a Santiago e de todo o relacionado coa cultura xacobea ao longo da súa historia.

En todo caso, o mellor da Xacopedia virá dado pola achega, tanto gráfica coma de textos, que os milleiros de persoas de todas as latitudes e nacionalidades queiran verter nela para apontoala no que xa é a súa xénese: unha obra colectiva e interactiva que medra día a día co esforzo de todos.

Para acceder preme AQUÍ.

FONTE: xacopedia.com

0 comentarios