GRANDES CIENTÍFICAS NA SOMBRA VII (FIN): HENRIETTA SWAN LEAVITT
Remato o percorrido pola ciencia do século XX que revela grandes descubrimentos realizados por mulleres, cuxos méritos non foron recoñecidos no seu momento: GRANDES CIENTÍFICAS NA SOMBRA.
A discriminación de xénero, a competitividade, o respecto ás xerarquías e o peso do coñecemento científico establecido xogaron en contra das ideas revolucionarias destas mulleres pioneiras.
Hoxe falaremos de Henrietta Swan Leavitt, que con tan só 25 anos cambiou o curso da astronomía.
Henrietta Swan Leavitt (Lancaster, Estados Unidos, 4 de xullo de 1868–Cambridge, Estados Unidos, 12 de decembro de 1921). Astrónoma estadounidense.
A comezos do século XX, cando as mulleres aínda tiñan prohibido traballar con telescopios, esta astrónoma descubriu unha lei nas estrelas que permitiría calcular por primeira vez grandes distancias no Universo. Fíxoo tras revisar miles de fotografías das estrelas que forman dúas galaxias ananas coñecidas como Nubes de Magallanes. Naquelas instantáneas atopou que un tipo de estrelas, as Cefeidas, mostraban unha relación entre luminosidade e escintileo.
Henrietta Swan Leavitt / American Institute of Physics
En 1893 Leavitt empezou a traballar no grupo de computadoras humanas do Observatorio da Universidade de Harvard, mulleres contratadas para realizar monótonas tarefas como examinar fotografías de estrelas ou facer cálculos matemáticos. En 1908 publicou o seu descubrimento sobre as Cefeidas no Anuario do Observatorio, onde explicaba que estas estrelas parecían seguir un patrón, as máis luminosas escintilaban máis lentamente. En 1912 enunciou a relación período-luminosidade ou Lei de Leavitt, que determina a relación directa entre a luminosidade media das Cefeidas e o período do seu escintileo. A Lei de Leavitt abriu o camiño para medir a distancia á que están moitas galaxias, e foi imprescindible para que en 1918 Edwin Hubble calculase o tamaño da Vía Láctea.
Leavitt traballou no Observatorio de Harvard ata a súa morte aos 53 anos. Durante a súa silenciosa carreira (era xorda) descubriu preto de 2.500 estrelas. Como moitas outras científicas do século XX, Leavitt non recibiu recoñecemento en vida. Hoxe lémbrase a súa enorme contribución á astronomía cun cráter na lúa que leva o seu nome e co asteroide 5383 Leavitt.
FONTE: bbvaopenmind.com/ventana al conocimiento
0 comentarios