SALVAR A CAPA DE OZONO REDUCIU TAMEN O QUECEMENTO GLOBAL
No ano 2003, Kofi Annan, entón secretario xeral de Nacións Unidas, definiu o protocolo de Montreal como “quizais o acordo ambiental internacional con máis éxito ata agora”. Creado en 1987, este tratado decretou a eliminación das sustancias que esgotan a capa de ozono (SAO), un total de 96 produtos químicos utilizados en aerosois e refrixeración, que estaban a causar un buraco na capa da estratosfera que protexe a Terra dos raios ultravioleta.
O protocolo de Montreal asinouse para protexer a vida na Terra e, tamén a saúde humana, posto que os raios UV dos que esa capa nos protexe poden causar cancro de pel. Agora, un estudo conxunto de científicos do Reino Unido, Nova Zelandia e Estados Unidos revela que o tratado tamén tivo un papel vital na loita contra o cambio climático e retardou o quecemento global. Protexer a capa de ozono impediu que a radiación ultravioleta danase o tecido das árbores e plantas do noso planeta, limitando a fotosíntesis e, por tanto, a capacidade da biosfera de absorber toneladas de dióxido de carbono da atmosfera. O estudo foi publicado na prestixiosa revista Nature, co científico climático Paul Young (Universidade de Lancaster) á fronte da investigación: “A conclusión do estudo é que, a finais deste século, ao redor do ano 2100, o exceso de dióxido de carbono que chegase á atmosfera causaría o incremento de 0,8 graos na temperatura terrestre. Pero ademais, os SAO tamén son gases de efecto invernadoiro, ou sexa que eles sós desencadeasen 1,7 graos máis”. O científico explica que, si sumamos estas dúas cifras, o estudo conclúe que o protocolo de Montreal evitou 2,5 graos adicionais de quecemento global. Este protocolo é o único texto da ONU que foi ratificado por todos os países do mundo e, grazas a el e ás súas posteriores emendas, a capa de ozono está en proceso de recuperación.
Para chegar a esta estimación, os científicos conectaron cinco modelos informáticos distintos para crear este mundo alternativo onde os SAO non se prohibiron en 1987 e, ao contrario, crecesen a un ritmo dun 3% cada ano. As sustancias químicas que esgotan a capa de ozono, como os clorofluorocarbonos, estaban en alza nos anos oitenta, e utilizábanse en aerosois, refrixeración (neveiras, aires acondicionados), disolventes, espumas e ata en alimentación: algunhas bebidas gasosas facíanse con gases non tóxicos e as burbullas resultantes eran SAO. Sen o protocolo de Montreal os científicos calcularon que a capa de ozono colapsariase cara a mediados do noso século, cunhas consecuencias nefastas para a saúde humana. Un dos países que máis sufrisen é Nova Zelandia, que segundo o seu ministerio de Sanidade ten a maior taxa de cancro de pel no mundo (82.000 novos casos cada ano). O estudo publicado en Nature conta coa contribución do meteorólogo Olaf Morgenstern, do NIWA, o Instituto de Investigación Atmosférica e Oceánica en Nova Zelandia. “Grazas ao protocolo de Montreal, o nivel de SAO na estratosfera empezou a declinar en 1997”, asegura. Aínda que se rexistraron algunhas emisións ilegais en China, a capa de ozono segue recuperándose e, segundo Morgenstern, a comunidade científica “espera que se restableza completamente ao redor do ano 2060”.
É a primeira vez que se investiga a escala global o efecto que o incremento de raios UV tería na biosfera. A análise publicada en Nature conclúe que a destrución da capa de ozono decimaría a produción alimentaria, pois a radiación danaría os cultivos. Ademais, si a vexetación perde capacidade para absorber o dióxido de carbono que produce a actividade humana, os científicos estiman que, sen o protocolo de Montreal, a finais do noso século a atmosfera acumularía entre un 40% ou 50% máis de dióxido de carbono, ou 580.000 millóns extras de CO₂. O quecemento extra que sufrise o planeta convertería en imposible cumprir co obxectivo de acordo de París de limitar o aumento da temperatura terrestre a 1,5 graos respecto a niveis preindustriais.
O meteorólogo Olaf Morgenstern é consciente do que isto suporía na loita contra o cambio climático: “Trátase dunha cifra moi relevante. O último informe do IPCC [Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático] que se publicou a principios de agosto, advirte da diferenza que medio grao de temperatura pode representar para o planeta. Si engadimos a esta temperatura os 0,8 graos extra que producise o carbono non absorbido pola biosfera, isto significa que sería imposible limitar o quecemento global a 1,5 graos, como pide o Acordo de París”.
O protocolo de Montreal non naceu como un tratado contra o cambio climático, pero segundo un estudo publicado en 2019 polo Instituto de Física no Reino Unido, foi oito veces máis efectivo que outros acordos deseñados especificamente para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, como o protocolo de Kioto de 1997. Segundo Paul Young, os gobernos poden aprender moitas leccións do protocolo de Montreal: “É verdade que a capa de ozono é un problema distinto que o cambio climático. Polo que respecta ao ozono, estamos a falar dun pequeno grupo de sustancias químicas producidas por un pequeno grupo de compañías. Aínda que nese momento non existían substitutos, as mesmas compañías foron capaces de producilos. En cambio, cando falamos de CO₂, é a base de toda a nosa economía e non pode ser substituído. É un conflito moito máis difícil de resolver”. Ao mesmo tempo, reflexiona o científico, si que podemos extraer unha conclusión positiva do protocolo de Montreal: “A comunidade científica descubriu que había un problema, e o mundo púxose de acordo para lidar con ese problema o máis urxentemente posible. É un exemplo vitorioso de cooperación internacional baseada no coñecemento científico”.
O protocolo de Montreal non sería posible sen a contribución de dous científicos que en 1974 publicaron un estudo na revista Nature sobre como os SAO estaban a destruír a capa de ozono, o mexicano Mario Molina, e o estadounidense Frank Sherwood Rowland. Nesa época en Estados Unidos cada fogar tiña unha media de 15 aerosois que contiñan SAO. Aínda que a industria química deostou durante anos aos autores do estudo, a ciencia acabou sobrepóndose aos intereses económicos. En 1995, a Academia Sueca das Ciencias concedeu aos dous científicos o premio Nobel de Química, xunto ao holandés Paul Crutzen, polo seu legado na loita para salvar a capa de ozono.
FONTE: Anna Jover/elpais.com/ciencia
0 comentarios