Blogia
vgomez

CASTROS DE GALICIA II

 

Imos co primeiro castro desta serie CASTROS DE GALICIA: O castro de Santa Trega.

Atópase na contorna do monte de Santa Trega de 341 metros de altitude, no extremo máis suroeste de Galicia, no concello da Guarda, o noso, nun lugar privilexiado desde o que domina a desembocadura do Miño. O monte ten unhas pendentes moi pronunciadas e o dominio visual da contorna fixo que fose un lugar estratéxico destacado desde moito antes do levantamento do castro.

Pertencente á cultura castrexa é o máis emblemático e visitado dos castros galegos. Foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano 1931 etamén ten a consideración de Ben de Interese Cultural.

No castro atópanse desde petróglifos, en varias das pedras do monte, elaborados 2.000 anos antes da ocupación do castro, que tivo lugar entre o século I a. C., ao pouco de comezar o proceso de romanización de Galicia, e o século I d. C., e que a partir dese momento comezou un lento proceso de abandono, que ben puido ter sido interrompido por reocupacións esporádicas temporais en época tardorromana.

O sistema construtivo reflicte uns xeitos construtivos moi respectuosos coa tradición castrexa (predominio case absoluto de construcións circulares fronte ás rectangulares) e pouco influenciado pola presenza romana (sempre urbanisticamente falando), se ben estudos máis pormenorizados poderán achegar máis datos sobre esta maior ou menor influencia romana. Case todas as construcións teñen plantas circulares ou ovaladas e son exentas, non compartindo paredes medianeiras salvo contadas excepcións. Tamén son excepción as poucas cabanas con planta rectangular e estas presentan, na súa maioría, esquinas en arco.

Está delimitado por un sinxela muralla que acolle unha extensión de terreo cuns eixos máximos de 700 metros (norte-sur) e 300 metros (este-oeste). Se ben estas dimensións non están debidamente confirmadas e a visión actual que se ten do sitio está supeditada ás sistemáticas empregadas no seu estudo arqueolóxico, á baixa porcentaxe de terreo escavado e aos estragos que tiveron lugar desde a súa descuberta (estrada, construcións no cumio, reforestación etc.).

Mañá outro castro!

0 comentarios