Blogia
vgomez

CASTROS DE GALICIA IX

 

Continúo coa serie OS CASTROS DE GALICIA. Hoxe tócalle ao castro de Meixón.

No lugar de Cespón, Concello de Boiro (A Coruña), atópase unha punta natural na que se localizan os Castros de Neixón. Trátase dun espazo situado en pártea norte da Ría de Arousa, ao carón da ensenada formada pola desembocadura dos ríos Grande e Beluso. Constitúen en si mesmos, un dos conxuntos arqueolóxicos da época castrexa de maior antigüidade de Galicia, datados entre o s.V a.C. e o s.IV d.C; motivo polo cal foron declarados Ben de Interese Cultural no ano 2011 pola Xunta de Galicia.

Os coñecidos como Castros de Punta Neixón son dous poboados contiguos: Castro Pequeno e Castro Grande, cuxo período de ocupación transcorre desde finais da Idade de Bronce até a época tardorromana.

O chamado Castro Pequeno está situado nunha pequena península e ten os testemuños máis antigos de ocupación debido á unión entre os indíxenas Oestrimnios  con pobos chegados desde o noroeste europeo a finais do s.VI a.C. Constátase o paso dunha arquitectura feita con materiais perecedoiros a outra constituída por cabanas de planta circular con zócalos de pedra, parapetos de barro e madeira e cubertas de palla: época castrexa.

O Castro Grande, a escasos 100 metros do anterior, foi fundado a finais do século V a. C. posiblemente cando o Castro Pequeno estaba xa abandonado ou en proceso de abandono. Foi unha pequena aldea delimitada cunha serie de elementos defensivos como son os fosos e terrapléns. Os seus habitantes cultivaban cereais, colleitaban froitos silvestres, coidaban o gando e completaban a súa dieta coa pesca e as actividades marisqueiras. Ademais, practicaban a metalurxia, e pola súa situación estratéxica, desenvolveron un importante comercio co mediterraneo, tanto na época do comercio púnico como no romano.

Mañá outro castro!

0 comentarios