Blogia
vgomez

OS CASTROS DE GALICIA XIV

 

Continúo coa serie OS CASTROS DE GALICIA. Hoxe tócalle ao castro de Elviña.

O castro de Elviña é un castro galaico, posteriormente romanizado pertencente á coñecida como Cultura castrexa do noroeste peninsular. Está situado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, próximo ao actual Campus de Elviña da Universidade da Coruña, nunha pequena elevación "Os curutos", que domina as terras dos vales de Elviña e Mesoiro, no concello da Coruña.

O castro está formado por varios recintos con socalcos, separados por murallas. Entre elas, destaca a muralla da croa (o recinto máis elevado e central) cunha entrada monumental flanqueada por dous torreóns defensivos semicirculares entre os que se abre unha rampla e escaleiras de acceso empedradas. Nalgúns dos seus tramos, a muralla conservada ten unha anchura e altura superior aos catro metros. Na zona de socalcos, situada no sueste, pódense observar diferentes construcións, algunhas delas singulares no conxunto da cultura castrexa, como a fonte-alxibe rectangular e o templo do ídolo fálico; tamén se conservan diferentes casas, principalmente de formas cadradas, e a complexa "casa da Exedra" que daría abeiro a familias acomodadas. Ademais, no castro atopouse o famoso tesouro de Elviña (conservado no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón).

Nas escavacións realizadas, acháronse probas de que o castro era bastante máis grande do que se cría, cunha extensión aproximada dunhas 7-8 hectáreas e unha poboación duns 2.000 habitantes cara ao ano 50 d. C..

A partir deses resultados, calculouse un período de ocupación do castro que se estende desde o século III a. C. ata o século VI d. C., en que o castro foi abandonado definitivamente. Suponse que a súa poboación se foi trasladando de forma progresiva a Brigantium.

0 comentarios