OS POLBOS USAN CADA VEZ MÁIS O LIXO COMO REFUXIO
Os refugallos volvéronse tan omnipresentes no océano que cada vez é máis doado para os polbos refuxiarse no lixo que en cunchas mariñas ou corais. Precisamente, unha revisión sistemática de fotografías e vídeos submariños de todo mundo contabilizou 24 especies de cefalópodos que viven no lixo mariño.
Os investigadores deste estudo sinalan que, en áreas onde os turistas humanos recolectaron demasiadas cunchas mariñas, cefalópodos de todas as idades foron obrigados a adaptarse ou a perecer. Por este motivo, durante anos, buzos e científicos observaron polbos que poñen os seus ovos en plástico ou en ferramentas de pesca abandonadas. Algunhas inclusive recorreron a botellas de vidro, vasillas de cerámica, tubos de metal, latas oxidadas ou vasos de plástico para poñer un teito sobre as súas cabezas.
Con todo, os investigadores mostran a súa preocupación polo que podería suceder se estas criaturas se volvesen demasiado dependentes do lixo como refuxio sinalando que calquera efecto aparentemente positivo, tamén podería ter varias consecuencias prexudiciais e indirectas.
En total, os autores da revisión puideron recoller 261 imaxes e vídeos submariños de polbos interactuando con refugallos, a maioría deles a través das redes sociais co permiso dos autores orixinais, mais tamén achegados por científicos e institucións de investigación mariña.
Grazas a isto, os autores atoparon que inclusive os polbos de augas profundas no Mediterráneo están facendo uso do lixo que afunde, sendo o primeiro rexistro atopado por investigadores. Outra das conclusións é que estas interaccións entre polbos e lixo aumentaron nos últimos anos, o que podería deberse a que estas fotografías submariñas son máis doadas de tomar ca nunca, mais tamén podería ser un sinal de que o problema de contaminación das augas está empeorando.
Por outra banda, cinco das imaxes analizadas mostran polbos competindo entre eles por un refuxio artificial, o que fai pensar aos autores do estudo no problema que supón a escaseza de cunchas nas que poderían agocharse e a abundancia de refugallos que cumpren esta función.
A pesar de que as hipóteses iniciais dos investigadores apuntaban cara ao plástico, algo máis do 40% das interaccións dos polbos foron con botellas de vidro, utilizadas principalmente como refuxio. En comparación, só o 24% destas interaccións foron con plástico, que ademais era utilizado para sentar enriba ou enterrar debaixo, non para agocharse neles.
Os autores concluíron que a textura do vidro pode ser máis similar que a do plástico á textura interna das cunchas mariñas. Ademais, afúndese con maior facilidade, o que o faría máis atractivo para as criaturas do fondo mariño, e os colos das botellas dificultarían o acceso de depredadores.
Entre as fotografías recollidas tamén destacan outro tipo de residuos, como unha batería moi degradada á que se aferraba un polbo, supoñendo un grave risco pola natureza contaminante do obxecto mais tamén polos bordos afiados que poderían causar danos físicos á criatura.
Despois de revisar todas as imaxes, os autores sinalan que algunhas especies recentemente descritas como o polbo pigmeo no Brasil (Paroctopus cthulu) só foron observadas refuxiadas no lixo, posto que non existe ningún rexistro oficial que mostre a estas criaturas utilizando cunchas ou outros elementos naturais.
O fogar principal deste polbo do Brasil son as latas de cervexa que os barcos turísticos desbotan regularmente pola borda. Inclusive cando os buzos desta rexión limpan o lixo mariño, non son poucas as ocasións nas que non se dan de conta das criaturas que se agochan nos refugallos que están recollendo.
Outra das especies nas que fai fincapé esta revisión era o polbo de coco (Amphioctopus marginatus), sendo a que máis interactuaba cos refugallos. Esta especie caracterízase por cubrir a súa cabeza e corpo cunha coiraza de coco, o que permite que as súas patas se deslicen polo fondo mariño para buscar alimento. Isto é coñecido como camiñar sobre zancos e os autores puideron identificar ata nove fotografías nas que os polbos facían precisamente iso con lixo humano.
FONTE: Laura Veiga/gciencia.com/medioambiental
0 comentarios