Blogia
vgomez

3 ANIMAIS QUE REALIZAN A FOTOSÍNTESE (e III)

E imos co terceiro animal que realiza cleptoplastidia, proceso polo cal un organismo captura os cloroplastos ou as células enteiras das plantas ou algas que consome, e os conserva e mantén no seu organismo.

3. Ambystoma maculatum, o único vertebrado fotosintético


Unha píntega de manchas amarelas (Ambystoma maculatum)

A maior parte dos animais que practican a cleptoplastidia son invertebrados. Todos, excepto un: a píntega de manchas amarelas (Ambystoma maculatum). Este anfibio captura e retén na súa pel células da alga verde Oophila amblystomatis, coa que establece unha relación de simbiose.

Esta relación de beneficio mutuo obsérvase sobre todo durante o desenvolvemento embrionario. O embrión que medra dentro do ovo necesita respirar, e produce amoníaco como residuo, que é tóxico para el. Doutra banda, o amoníaco é unha fonte óptima de nitróxeno para as algas que forman esta simbiose, as cales, por fotosíntese, producen osíxeno que o embrión da píntega pode empregar para respirar.

Neste caso son as algas as que penetran no corpo do embrión a través do sistema dixestivo durante a súa formación. Permanecen no organismo mentres se desenvolve, manténdose no seu corpo durante toda a súa vida; reprodúcense no seu interior, algo excepcional que non adoita suceder nos animais con cleptoplastidia; e transmítense aos ovos. Trátase dunha forma de endosimbiose que, ata onde coñecemos, é única no mundo.

FONTE: Vary (Álvaro Bayón)/muyinteresante.es

0 comentarios