ONDE ESTABA SITUADA A GUARDA HAI 300 MILLÓNS DE ANOS'
Localización da nosa localidade, A Guarda, hai 300 millóns de anos
Algunha vez preguntácheste cal era a posición xeográfica da túa cidade ou vila hai millóns de anos atrás? Agora podes descubrilo. Esta aplicación interactiva, Ancient Earth, permite ao usuario facerse unha idea de como estaba composto o globo terráqueo e como foi evolucionando dende hai 750 millóns de anos, período crioxénico, ata hai 20 millóns, no período neoxeno, no que xorden os primeiros homínidos en África.
A aplicación é fácil de usar e moi intuitiva. O único que hai que facer é escribir no buscador o nome da cidade que se quere localizar e logo pódese xogar coa temporalidade de dúas maneiras: ou escollendo directamente os millóns de anos que se quere ir atrás no tempo, ou ben seleccionando un feito concreto (por exemplo, os primeiros insectos, a extinción dos dinosaurios ou as primeiras flores) que a páxina sitúa nun período determinado.
A aplicación foi deseñada por Ian Webster e o mapa interactivo está feito a partir dos mapas paleontográficos do xeólogo e paleoxeógrafo estadounidense Christopher Scotese, creador do Proxecto PALEOMAP, cuxo obxectivo era ilustrar o desenvolvemento das placas tectónicas das concas oceánicas e os continentes, así como a distribución cambiante da terra e o mar durante os últimos millóns de anos.
Anímaste? Pois preme AQUÍ.
FONTE: gciencia.com e dinosaurpictures.org
0 comentarios