DINOSAUROS EUROPEOS II
Continúo coa serie adicada aos dinosauros europeos, xa que case todos os países modernos de Europa foron o lugar de descanso final das especies de dinosauros.
Se onte falamos do o Allosaur, hoxe tócalle ao...
2. Archaeopteryx
Archaeopteryx é un xénero de aves (as máis primitivas coñecidas), que viviron no Xurásico Superior (hai aproximadamente entre 155 e 150 millóns de anos, no Kimeridgiano), no que hoxe é Alemaña.
Os espécimes de archaeopteryx son relevantes debido á súa morfoloxía transicional e a presenza de plumas ben desenvolvidas. As súas características permiten convertelo no modelo máis claro para estudar a transición entre dinosauros e aves. Medían tan só 35 cm, un tamaño semellante ao do corvo, moi pequeno comparado co rango usual dos dinosauros non avianos. Parécese basicamente a un dinosauro terópodo, e presenta trazos propios deste grupo: unha longa cola ósea, presenza de poutas nos dedos e de dentes nas mandíbulas. Non se sabe con certeza se podían bater as ás con forza e realizar un voo completo, ou só un planeo. Descoñécese a cor das súas plumas. A á é, en esencia, moi semellante á dun paxaro moderno, xa que as súas plumas eran altamente asimétricas, e as da súa cola eran moi grosas.
Os archaeopteryx representan os principais fósiles dos xacementos de Solnhofen (Alemaña). Os primeiros atopáronse en 1861 e dende entón apareceron un diverso número de achados, dez en total (ata 1988), aínda que algúns deles son moi incompletos. Algúns dos espécimes foron inicialmente clasificados como terópodos, ata que se observou neles a presenza de plumas.
O primeiro espécime completo foi anunciado en 1862, tres anos despois de que Charles Darwin publicase A orixe das especies. Os archeeopteryx convertéronse nunha das tantas probas que confirmaron a evolución.
Mañá outro dinosauro europeo!
FONTE: gl.wikipedia.org Imaxes: gardenofeaden.blogspot.com
0 comentarios