TRES FÓSILES MARIÑOS NOS ALPES
Hai máis de 200 millóns de anos, as capas de rocha cubrían o leito mariño, pero o pregamento dos Alpes fixo que acabasen a unha altitude de 2.800 metros. De aí o insólito de atopar fósiles mariños a tantísima altura.
Agora, un equipo de paleontólogos descubriu tres novos conxuntos de fósiles de enormes ictiosaurios, segundo informan na súa investigación publicada na revista Journal of Vertebrate Paleontology, revisada por pares. Os ictiosaurios de 205 millóns de anos foron descubertos nos Alpes suízos por un equipo da Universidade de Zúric, quen describiu o achado como "emocionante".
Coñecida como a Formación Kössen, as rochas das que derivan estes fósiles estiveron unha vez no fondo dunha zona costeira pouco profunda, unha lagoa moi ancha.
Descubertos entre 1976 e 1990, este achado inclúe vértebras de ictiosaurios que medían case 20 metros de longo e pesaban 80 toneladas, así como o dente de ictiosaurio máis grande xamais descuberto. O ancho da raíz do dente é dúas veces maior que o de calquera réptil acuático coñecido, este último relacionado co ictiosaurio máis grande achado de 15 metros de longo.
“É difícil dicir se o dente é dun ictiosaurio grande con dentes xigantes ou dun ictiosaurio xigante con dentes de tamaña media”, expoñen os autores.
“É o ictiosaurio máis longo do mundo; co dente máis groso atopado ata a data e a vértebra de tronco máis grande de Europa”, explica Heinz Furrer, curador xubilado do Instituto e Museo Paleontolóxico da Universidade de Zúric.
Outros restos óseos incompletos inclúen a vértebra do tronco máis grande de Europa doutro ictiosaurio que é o fósil de réptil mariño máis grande coñecido na actualidade, Shastasaurus sikkeniensis, outro xénero extinto de ictiosaurio de 21 metros de longo. A comparación das vértebras dun conxunto suxire, segundo din os expertos, que poderían ser do mesmo tamaño ou lixeiramente máis pequenas que as de S. sikkanniensis.
Estas enormes criaturas movíanse por Panthalassa, un océano que rodeaba ao supercontinente Pangea durante o Triásico Superior (a orixe dos océanos).
Haberá ictiosaurios aínda máis grandes escondidos baixo os glaciares? É unha pregunta que se fan os científicos a teor deste descubrimento, pois estas enormes criaturas tamén fixeron incursións nos mares pouco profundos do mar de Tetis no lado este de Pangea, descubriu o equipo. (Tetis pode ser considerado a orixe do mar Mediterráneo).
“Máis grande sempre é mellor”, din os expertos. “Existen claras vantaxes selectivas para o gran tamaño corporal. A vida iría alí se puidese. Só había tres grupos de animais cuxa masa superaba as 10-20 toneladas métricas: os dinosauros de pescozo longo (saurópodos); baleas; e os ictiosaurios xigantes do Triásico”.
Os ictiosaurios xurdiron por primeira vez por mor da extinción do Pérmico hai uns 250 millóns de anos, cando se extinguiu ao redor do 95 % das especies mariñas. Algunhas especies persistiron ata o Cretácico, pero sábese tan pouco sobre estes xigantes que aínda seguen representando meras pantasmas do rexistro fósil.
Estes novos especímenes probablemente representan o último dos leviatanes, conclúen os expertos.
FONTE: Sarah Romero/muyinteresante.es Imaxes: HEINZ FURRER e Fósil de Ichthyosauria, no Museum Wiesbaden (Alemaña)
0 comentarios