Blogia
vgomez

O NÚCLEO TERRESTRE É SÓLIDO E BRANDO COMO O OURO

tierra centro

Núcleo terrestre / Imaxe: vix.com

A 3.000 quilómetros de profundidade baixo os nosos pés, escóndese unha bóla de ferro (Fe) e níquel (Ni) algo máis grande que  Plutón que dista moito de parecerse ao centro da Terra imaxinado por Xullo Verne. É o núcleo do noso planeta, inaccesible polo menos polo momento, onde as temperaturas poderían alcanzar os 6.000º C. Este inferno garante, grazas á xeración dun escudo magnético global, que na superficie non acabemos todos fritidos pola radiación espacial. Os científicos saben desde hai décadas que o núcleo é sólido, pero ata agora non existiron probas directas que o confirmen. Agora, investigadores da Universidade Nacional de Australia (ANU) aseguran telas.

O equipo detectou no núcleo interno ondas de corte, ou «ondas J», un tipo de onda que só pode viaxar a través de obxectos sólidos. "Descubrimos que o núcleo interno é realmente sólido, pero tamén máis brando do que se pensaba anteriormente", sinala un dos autores do estudo. Se os seus resultados, publicados na revista Science, son correctos, o corazón terrestre comparte algunhas propiedades elásticas co ouro e o platino.

As ondas de corte do núcleo terrestre son tan pequenas e débiles que non se poden observar directamente. De feito, detectalas foi considerado o «Santo Graal» da  sismoloxía global desde que os científicos predixeron por primeira vez que o núcleo interno era sólido nos anos 1930 e 40.

Así que os investigadores tiveron que idear un enfoque creativo. Utilizando unha rede global de estacións de  sismografía, analizaron as similitudes entre os sinais de dous receptores distintos despois de grandes terremotos. Con todos eses datos de miles de pares de receptores, puideron reconstruír unha especie de pegada dixital do planeta que demostra a existencia de «ondas  J» e inferir a súa velocidade no núcleo interno.

Os investigadores cren que o núcleo terrestre, "é como unha cápsula do tempo. Se o entendemos, entenderemos como se formou o planeta e como evoluciona". Ao seu xuízo, a técnica empregada pode axudar a desentrañar outros misterios do centro terrestre: "Por exemplo, aínda non sabemos cal é a temperatura exacta, a súa idade exacta ou a rapidez coa que se  solidifica, pero con estes novos avances en  sismoloxía global, estamos a chegar aos poucos". Outro dos misterios é a súa auténtica composición. O pasado ano, científicos xaponeses sinalaban que ao coñecidos ferro (85% da masa) níquel (10%) podería unirse un terceiro elemento, o silicio.

Como explican os investigadores, "a comprensión do núcleo da Terra ten consecuencias directas para a xeración e o mantemento do campo  xeomagnético, e sen ese campo  xeomagnético non habería vida na superficie da Terra".

FONTE: abc.es/ciencia

0 comentarios