Blogia
vgomez

PRIMEIRA IMAXE DO BURACO NEGRO SUPERMASIVO SAXITARIO A*

 

Chámase Saxitario A* e ten un diámetro de 44 millóns de quilómetros. É un buraco negro no centro da nosa galaxia, a Vía Láctea, e así foi presentado en sociedade.

Esta é a primeira imaxe desvelada do buraco negro supermasivo, un espazo do que nada, nin sequera a luz, pode escapar.

Nela obsérvase un anel non perfectamente esférico amarelo e laranxa, con tres puntos máis brillantes.

Saxitario A* é o segundo buraco negro xamais fotografado, posúe 4 millóns e medio de veces a masa do Sol e atópase a uns 26.000 anos luz da Terra.

Os científicos non poden ocultar a súa emoción polo extraordinario da evidencia, que achega pistas sobre o aspecto e funcionamento destes xigantes.

A imaxe conseguiuse a través de oito radiotelescopios sincronizados de todo o mundo en "unha extraordinaria validación da relatividade xeral".

Crese que case todas as galaxias teñen un buraco negro no seu centro. Foi este mesmo grupo internacional de Científicos o que deu a coñecer en 2019 a primeira imaxe dun buraco negro, cun tamaño oito veces superior ao do Sistema Solar, desde unha galaxia afastada, a Messier 87.

Anteriormente, a comunidade científica xa observara estrelas orbitando ao redor de algo invisible, compacto e moi masivo no centro da Vía Láctea. Estas órbitas permitían postular que este obxecto, coñecido como Saxitario A*, era un buraco negro, e a imaxe de hoxe proporciona a primeira evidencia visual directa diso, aseguran os científicos.

Aínda que non podemos ver o buraco negro en si, porque está completamente escuro, o gas brillante que o rodea ten unha firma reveladora: unha rexión central escura (chamada "sombra") rodeada por unha estrutura brillante en forma de anel. A nova imaxe capta a luz  curvada pola forza  gravitatoria do buraco negro, cuxa masa é catro millóns de veces a do noso Sol.
 


Primeira imaxe desvelada do buraco negro supermasivo Saxitario A* / X-Ray e  Infrared

 "O sorprendente é o ben que coincide o tamaño do anel coas predicións da teoría da relatividade xeral de Einstein", declarou o científico do proxecto EHT Geoffrey Bower, do Instituto de Astronomía e Astrofísica da Academia Sinica de Taipei.

"Estudos previos, galardoados co Premio Nobel de Física en 2020, demostraran que no centro da nosa galaxia reside un obxecto extremadamente compacto cunha masa catro millóns de veces maior que o noso Sol", segundo José Luis Gómez, membro do Consello Científico do EHT e líder do grupo do EHT no Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC).

"Agora, grazas ao EHT, puidemos obter a primeira confirmación visual de que este obxecto é, case con toda seguridade, un buraco negro con propiedades que concordan perfectamente coa Teoría da Relatividade Xeral de Einstein", afirma.

FONTE: Lucía Riera Bosqued/es.euronews.com/2022

0 comentarios