Blogia
vgomez

HERBARIO DE ROSALIA DE CASTRO

HERBARIO DE ROSALIA DE CASTRO

Rosalía de Castro (1837-1885), autora fundacional da cultura galega, tratou todos os temas da poesía: a natureza, o amor, a temática cívico-social, a existencial e a metapoesía.

Tamén é unha das grandes poetas da paisaxe. Na beleza e a grandiosidade da paisaxe galega (no que “a man do home deixou paso á man de Deus”), Rosalía sustenta un discurso de dignificación que abarca tamén ás xentes que a habitan e a lingua que estas falan.

Co obxectivo de recoller o nexo entre literatura e natureza da súa obra, e para render unha homenaxe á creadora literaria que nos ensinou a mirar a paisaxe doutra maneira, elaborouse un herbario (Herbario de Rosalía de Castro. Nasín cando as plantas nasen) a partir das mencións de plantas, flores e árbores.

En total, son 150 pregos de plantas o que compoñen este herbario, creado polos profesores da Universidade de Santiago de Compostela María López Sández, Fernando Cabo Aseguinolaza e Maria do Cebreiro Rábade Villar e que pode verse agora en Madrid, no Real xardín Botánico.

Vexamos algún deses pregos!

Comezaremos hoxe coa...

A rosa

    Exemplar de rosa do Herbario de Rosalía. Fonte: Miguel Franga Vila

A rosa é a raíña indiscutible da obra de Rosalía. En Cantares gallegos, o suxeito lírico preséntase como Rosa, nome paronomásico co de Rosalía. Con máis de cen rexistros, aparece en ocasións como rosa, espida doutros atributos, pero tamén como “rosa purpurina”, “rosa de Alexandría”, “rosa oriental” ou “rosa silvestre”.

A rosa, identificada coa muller, convértese na máxima expresión da beleza. Así, en Flavio as raparigas preséntanse baixo a forma de rosas:

“Frescas rosas que abrían sus hojas al primer beso del sol, así eran ellas; verlas y no amarlas era imposible”

Pero a rosa que se identifica coa muller non é unicamente a rosa en esplendor, senón tamén a “rosa marchita”, imaxe coa que se describe nun punto da narración a Esperanza en La hija del mar, ao dar expresión ao carácter efémero da vida humana:

“Voume quedando murchiña / como unha rosa que inverna”.

Rosalía emprega os valores contraditorios codificados na rosa como emblema amoroso e tributo fúnebre. Pero mesmo no tratamento desta flor percíbese en Rosalía a especial inclinación cara á variedade salvaxe, o gusto pola natureza silvestre que marca a estética romántica e moi particularmente a obra de Rosalía:

Hay un niño de rosas silvestres

Cabo d’a fonte escondido,

E un prado de herba trebiña

Alfombra ô arredor sombriso

Follas Novas

Continuará...


FONTE: María López Sández e María do Cebreiro Rábade Villar/gciencia.com    Imaxes: (Rosalía);metropolitano.gal e (cartel exposición):rjb.csic.es

A realización deste proxecto contou con financiación no marco do proxecto Cartografías del afecto y usos públicos de la memoria: un análisis geoespacial de la obra de Rosalía de Castro, código FF12017-82742-P, financiado pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, innovación e Universidades (AEI/MCIU) e parcialmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

0 comentarios