HERBARIO DE ROSALIA DE CASTRO II
Continúo co Herbario de Rosalía de Castro. Nasín cando as plantas nasen, unha homenaxe á creadora literaria que nos ensinou a mirar a paisaxe doutra maneira.
Se onte falamos da rosa, hoxe tócalle ás...

Herbas do campo florido
As flores humildes ocupan un lugar verdadeiramente destacado na produción de Rosalía.
En ocasións especifícanse esas flores, sendo a miúdo margaridas, pero tamén violetas e xasmíns. Xunto ás flores humildes que brotan entre a herba están presentes as que nacen en muros e cornixas. Esa especie de xardín vertical, flotante e silvestre, aparece recurrentemente co valor das flores que crecen nas gretas. Estas adquiren un papel singular no que simboliza todo o que revalorizou o Romanticismo, incluso o fala espontánea das persoas do campo. As herbas do campo florido adquiren así un valor capaz de eclipsar a todas as demais.
Entre a infinidade de plantas herbáceas silvestres que forman parte da paisaxe galega, para integrar esta sección do herbario fíxose unha selección das máis comúns nos ambientes nos que viviu Rosalía. Tamén é entre as pequenas flores que crecen no campo onde se atopa a flor azul, aquela que, desde a poesía de Novalis (Georg Philipp Friedrich von Hardenberg), converteuse en símbolo do Romanticismo e do anhelo de ideal, indefinido e infinitamente suxestivo.
Herbas do cemiterio
“O simiterio d’Adina
N’hai duda qu’è encantador,
C’os seus olivos escuros
De vella recordazon;
Co seu chán d’herbas e frores
Lindas, cal n’outras dou Dios”
Follas Novas
A flor é, desde a antigüidade, o tributo fúnebre por antonomasia. A propia tradición da elexía introduciu a miúdo a flor no poema. Pola súa banda, a partir do Romanticismo, a atracción polo fúnebre e a morte vai facer do cemiterio un espazo arquetípico de intensa recreación estética.
É sen dúbida en El caballero de las botas azules, novela ambientada en Madrid, onde o gusto polo cemiterio exprésase de modo máis explícito a través do personaxe de Mariquita. A contemplación do camposanto esperta a reflexión sobre a vida e a morte, expresada a través do contraste entre os milleiros de esqueletos e a presenza vibrante da natureza.
As “herbas do cemiterio” constitúen un sintagma que contén a tensión entre a vida e a morte. A intrincada relación entre a morte e a natureza exprésase a través da recreación das flores que crecen nas lápidas, nos muros e paredes dos cemiterios, pero tamén, inversamente, a través da presenza de imaxes de morte na propia natureza.
No herbario de Rosalía recollemos herbas que crecen tamén nos camiños, nos muros e nos propios campos, pero que se revisten dun significado e unha solemnidade particulares cando o fan no cemiterio.
Continuará...
FONTE: María López Sández e María do Cebreiro Rábade Villar/gciencia.com
A realización deste proxecto contou con financiación no marco do proxecto Cartografías del afecto y usos públicos de la memoria: un análisis geoespacial de la obra de Rosalía de Castro, código FF12017-82742-P, financiado pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, innovación e Universidades (AEI/MCIU) e parcialmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
0 comentarios