Blogia
vgomez

FAUNA EN PERIGO DE EXTINCIÓN EN GALICIA

FAUNA EN PERIGO DE EXTINCIÓN EN GALICIA

A palabra “extinción” asusta. Implica perda, desaparación e esquecemento. Máis aínda cando o concepto vai unido a especies seriamente ameazadas. En Galicia, segundo o catálogo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, hai máis dunha vintena de especies en perigo de extinción. A metade delas son aves, seriamente comprometidas pola destrución dos seus hábitats, moitas veces derivada da intensificación agrícola. Pero tamén hai moluscos, réptiles, artrópodos e un mamífero, o oso, que claman axuda. Entre o perigo e a extinción hai unha liña moi fina que, talvez dándolles visibilidade, non consiga romper.

Vexamos!

* As aves, as máis ameazadas

Imaxes: Abetouro (Botaurus stellaris) / Roger Hatcliffe/Wikimedia Commons e
Aguia real (Aquila chrysaetos) / Juan La Cruz/Wikimedia Commons

1. Abetouro (Botaurus stellaris)

Entre as aves máis ameazadas en Galicia está o abetouro (Botaurus stellaris), que adoita habitar lagoas e zonas húmidas con abundantes masas de carrizos onde esconderse. As épocas do ano nas que se pode observar esta ave son en outono e inverno, mentres que en verán só se consegue ver de maneira esporádica. Se queres vela, terás que desprazarte a zonas húmidas con extensas canaveiras de auga doce ou salobre. Con todo, é unha especie en perigo pola destrución do hábitat, a caza incontrolada e a contaminación das augas.

2. Aguia real (Aquila chrysaetos)

Unha ave maxestosa. Esa podería ser unha definición da aguia real (Aquila chrysaetos), que só está presente en Galicia nas serras sudorientais, especialmente na provincia de Ourense, en rexións montañosas e con paisaxes abertas. De igual maneira que acontece con moitas outras aves, a perda do seu hábitat é unha das principais ameazas, pero tamén o é a persecución directa: ben con disparos ou cebos envelenados, así como o espolio dos niños. Os parques eólicos e as liñas eléctricas tamén semellan ter efectos na súa mortalidade.

Continuará!

FONTE: gciencia.com/medioambiental

0 comentarios