HERBARIO DE ROSALIA DE CASTRO IV (FIN)
Remato coa última pincelada ao Herbario de Rosalía de Castro. Nasín cando as plantas nasen, na que se fai unha homenaxe á creadora literaria que nos ensinou a mirar a paisaxe doutra maneira.
Se onte falamos das árbores, hoxe tócalle a...
Varias
"Formoso campo de Cornes,
cando te cobres de lirios,
tamén se cobre a ialma
de pensamentos sombrisos"
Follas Novas
A variedade e riqueza espontánea identifícanse, desde o prólogo dos Cantares, coa paisaxe galega, como un valor intrínseco fronte á monotonía doutras terras nas que as árbores parecen tristemente colocados en ringleira.
Xunto ás herbas do campo florido e concomitantes con elas atopamos os toxos e as silvas, os maiores expoñentes da natureza espontánea e salvaxe en Galicia, así como as ortigas e os cardos.
O primeiro libro de Rosalía leva por título La flor e ao final da súa vida quixo ser enterrada cun ramo de pensamentos, esa curiosa e sorprendente flor de inverno. Hai na súa obra azucenas e lirios, margaridas, caraveis e alhelíes; xacintos e pensamentos; xasmíns e nenúfares; lilas e camelias; violas e narcisos…
Dando un paso cara ao máis humanizado, emerxen as árbores froiteiras. Tampouco faltan as plantas comestibles. Os versos de Rosalía non desdeñan as verzas, repolos, nabizas ou amorodos, nin as vides e cereais que conformaban a base da alimentación. O propio caldo, o caldo de gloria, que deu lugar a unha das tradicións e homenaxes a Rosalía máis recentes e populares, é obxecto de expresión poética.
Fin
FONTE: María López Sández e María do Cebreiro Rábade Villar/gciencia.com
A realización deste proxecto contou con financiación no marco do proxecto Cartografías del afecto y usos públicos de la memoria: un análisis geoespacial de la obra de Rosalía de Castro, código FF12017-82742-P, financiado pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, innovación e Universidades (AEI/MCIU) e parcialmente polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
0 comentarios