Blogia
vgomez

UN SUPERDEPREDADOR ANTERIOR AOS DINOSAUROS

Mambawakale Ruhuhu: un superdepredador anterior aos dinosauros

Antes de que dese comezo a era dos dinosauros, xa camiñaban pola terra depredadores temibles. Aínda que sexan máis descoñecidos e non protagonicen sagas de películas, algunhas destas criaturas son tan espectaculares e fascinantes como os dinosauros máis famosos. Nesta ocasión, falamos dun “monstro” prehistórico que ben podería ser o protagonista dunha película de terror.

Mambawakale Ruhuhu significa en suahili “crocodilo antigo”. Medía 5 metros de longo, cunha mandíbula de máis de 60 centímetros, que acubillaba grandes dentes curvos en forma de serra capaces de desgarrar a calquera presa do momento. Polo seu tamaño e características, debeu ser un superdepredador do seu territorio na súa época: a actual Tanzania hai 240 millóns de anos.

Tiña unha cabeza grande e poderosa cun corpo musculoso cun tórax en forma de barril, postura ergueita e unha cola longa que lle permitía atacar a calquera presa que atopase no seu camiño”.

Foi descuberto en 1963 por un grupo de investigadores de varias institucións africanas e europeas. Na expedición tivo un papel fundamental a poboación local, tanzanos que coñecían o terreo e guiaron aos paleontólogos ata os restos fósiles. Non sabemos o nome da persoa que descubriu por primeira vez esta especie, pero sabemos que foi un habitante local o que deu co fósil na formación Manda Beds, un xacemento ao suroeste de Tanzania con restos de entre 247 e 242 millóns de anos de antigüidade. O nome da especie pretende ser unha homenaxe á poboación local que axudou a descubrila.

Nun primeiro momento, e a pesar do espectaculares que resultaban os restos achados, non se tivo moi en conta o achado. Paleontólogos do Museo de Historia Natural de Londres nomearon os restos como unha nova especie: Pallisteria angustimentum, pero a descrición quedou a medias e non chegou a publicarse nunca.

Ata febreiro de 2022, cando un equipo encabezado por Richard J. Butler, da Universidade de Birmingham, publicou a descrición desta nova especie na revista The Royal Society Open Science.

Os restos achados de Mambawake Ruhuhu pertencen ao único espécime que coñecemos ata a data. Contamos con parte do cranio, a mandíbula inferior e fragmentos do postcráneo como tres vértebras cervicais anteriores e unha man esquerda case completa. O equipo realizou unha tomografía computarizada para recrear a este depredador do Triásico Medio.

O seu estudo amplía o noso coñecemento sobre os arcosaurios primitivos e outros depredadores da época, cando comezaron a xurdir os devanceiros dos dinosauros.

"A nosa análise identifica a Mambawakale como un dos arcosaurios máis antigos que se coñecen e un dos primeiros membros da liñaxe que eventualmente evolucionou ata converterse nos crocodilos modernos. É un descubrimento emocionante, porque identificar a este animal axúdanos a comprender a rápida diversificación temperá dos arcosaurios e permítenos agregar unha ligazón máis á historia evolutiva dos crocodilos de hoxe en día".

FONTE: Fran Navarro/muyinteresante.es/ciencia

0 comentarios