Blogia
vgomez

O TELESCOPIO JAMES WEBB AMOSA NOVAS IMAXES DAS AURORAS DE XÚPITER

Imaxe composta de Webb NIRCam de Xúpiter a partir de tres filtros: F360M (vermello), F212N (amarelo-verde) e F150W2 (azul), e aliñamento debido á rotación do planeta / NASA, ESA, CSA, Equipo ERS de Xúpiter; procesamento das imaxes por Judy Schmidt.

Atronadoras tormentas, fortes ventos e brillantes auroras. Esa podería ser unha descrición axustada de Xúpiter, o planeta máis grande do Sistema solar. Agora, o telescopio James Webb, o observatorio espacial máis potente e caro da historia, revela novas imaxes do xigantesco astro. Nas recentes fotografías móstranse con detallada claridade as súas auroras, os seus aneis e, incluso, a Gran Mancha Vermella, a tormenta máis famosa de Xúpiter. As observacións que ofrece o James Webb sobre o planeta servirán para afondar no coñecemento da súa vida interna.

Segundo explican dende a NASA, impulsora do telescopio xunto á Axencia Espacial Europea (ESA) e a Axencia Espacial Canadense, as últimas imaxes que capturou o Webb de Xúpiter proveñen de NIRCam, un dos aparellos do telescopio que consta dunha cámara de infravermellos. Para procesar correctamente os datos, os astrónomos contaron coa colaboración da científica Judy Schmidt, que foi capaz de traducir a información do Webb a imaxes.

Máis polo miúdo, nesta vista de Xúpiter, creada a partir de varias imaxes capturadas polo telescopio, as auroras esténdense a grandes alturas sobre os polos norte e sur do planeta. Brillan nun filtro que se asigna ás cores máis vermellas, que tamén resalta a luz reflectida polas nubes máis baixas e as néboas superiores. Un filtro diferente, destinado a amarelos e verdes, mostra brumas que xeran remuíños arredor dos polos norte e sur. O terceiro filtro, para os azuis, sinala a luz que se reflicte dende unha nube principal máis profunda. Por último, a Gran Mancha Vermella aparece en cor branca porque, ao igual que outras nubes, reflicte moita luz solar.

FONTE: gciencia.com

0 comentarios