Blogia
vgomez

BARBANTESA: TODOS OS SEGREDOS DESTE INSECTO

Chega a época de cría da barbantesa / Shutterstock

Despois de medrar durante todo o verán, as barbantesas (mantis religiosa) xa están listas agora para aparearse. Durante estes días buscan parella. Os machos fano sen saber que o apareamento pode ser o último que fagan, porque nalgúns casos (non sempre, nin moito menos, a pesar da crenza popular) son devorados durante o acto sexual polas femias.

As barbantesas (coñécense máis de 2.500 especies diferentes) cóntanse entre os animais máis curiosos e intrigantes do planeta. Parecen extraterrestres. Son capaces de detectar ultrasóns a través dun oído situado no tórax; teñen visión 3D e a cor grazas aos seus cinco ollos; e son cazadoras supereficientes, tanto que poden alimentarse de animais moito maiores que elas.

A súa dieta inclúe arañas e artrópodos, pero tamén nalgúns casos ras, lagartos, lagartas, píntegas, tritóns, toupas, musarañas, ratos, serpes, tartarugas de caparazón brando, avelaíñas, pequenos morcegos e mesmo aves. E posúen tal capacidade mimética que poden facerse pasar, por exemplo, por abellas ou anacos de madeira.

A forma de cazar deste insecto carnívoro, que agarda inmóbil ás súas presas coas patas dianteiras xuntas (de aí o seu nome, pois parece que está a rezar), inspirou un tipo de arte marcial. A extraordinaria velocidade á que estende as súas patas dianteiras (apenas uns milisegundos) permítelles atrapar a moscas en voo, e as espiñas que presentan fai que sexa practicamente imposible escapar delas.

A pesar de que a orixe deste insecto sitúase nas zonas de clima tépedo de Asia, norte de África e Europa, a súa enorme capacidade de adaptación a case calquera clima propiciou que se expandiu por todo o mundo.

O seu hábitat preferido sitúase nas áreas de matogueira e bosques caducifolios, pero adáptase mesmo á vida en catividade, e pode cumprir tanto funcións de mascota como de axente de control de pragas en hortas e sementados.

O aspecto máis distintivo da barbantesa é o seu especial ciclo reprodutivo, que se inicia a finais do verán, cando as femias empezan a segregar maiores niveis de hormonas, que atraen aos machos cara a elas para fecundarlas. Se dous ou máis machos coinciden ao redor dunha femia, loitan a matar ata que só queda un.

Cando o macho atopa á femia comeza a realizar unha especie de baile, rodeándoa ata que consegue montala saltando ao seu dorso e conectar as antenas de ambos. Tras ese cortexo é cando se produce a fecundación, que consiste na chegada do espermatóforo do macho á cavidade reprodutiva da femia.

O proceso dura máis de dúas horas. E cando finaliza pode suceder o que fixo tan famosa á mantis: nalgúns casos, tras a cópula, a femia devora ao macho que a fecundou. Pero isto só ocorre en realidade entre o 13 e o 28% dos casos. E sucede con moita máis frecuencia entre as mantis en catividade.

O canibalismo da barbantesa ten unha explicación biolóxica. Débese a que na época de celo as femias vólvense extremadamente agresivas, e ás veces non esperan nin a que a cópula termine. Devoran ao macho comezando pola súa cabeza, preservando intactas as partes do seu sistema nervioso encargadas de realizar a fecundación.

Pero as femias non só devoran ao macho movidas pola agresividade, pois así realizan unha achega proteico extra que asegura que os ovos se formen adecuadamente, e a que haxa máis na posta. Así que, en realidade, con ese acto de canibalismo sexual aseguran o futuro do seu progenie.

O paso seguinte, ao termo da xestación, é a posta de entre 100 e 300 ovos, que a mantis protexe segregando unha especie de escuma chamada ooteca. A posta é xa no outono e adoita realizarse en lugares resgardados, como ramas ou follas, sempre tratando de ocultar os ovos dos depredadores.

A mantis é un animal solitario. De feito, en catividade non deben xuntarse varios exemplares, xa que se matarían entre eles. É así mesmo un animal de hábitos diúrnos. Pasa a maior parte do día quieta, camuflándose coa contorna para permanecer a salvo dos depredadores e, á vez, enganar ás súas presas.

 

Barbantesa mimetizada coa contorna / PIXABAY

Poden chegar a alcanzar facilmente o ano de vida, mudando durante ese tempo unhas seis veces. Para a muda a mantis cólgase dunha rama e libéranse da capa vella de cutículo, saíndo dela pola parte anterior.

A pesar da súa agresividade e voracidade, as barbantesas non son perigosas para o ser humano. Non son venenosas, non poden picar, non son portadoras de enfermidades infecciosas e, aínda que hai especies que chegan a alcanzar os 25 centímetros de lonxitude, as súas mandíbulas non son o bastante fortes como para provocar lesións graves aos humanos.

FONTE: Ramón Díaz/medio-ambiente/2022

0 comentarios