SABÍAS QUE.. O 70% DA SUPERFICIE DE GALICIA SUPERA O MÁXIMO LEGAL DE RADÓN PARA EVITAR EFECTOS CANCERÍXENOS
Mapa do potencial de raón en España / Consello de Seguridade Nuclear
O radón é un gas radioactivo froito da desintegración do radio e uranio presente en toda a cortiza terrestre, pero especialmente en zonas graníticas como Galicia. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), é a segunda causa de cancro de pulmón despois do tabaco. Co obxectivo de analizar máis polo miúdo a situación, este martes celebrouse en Santiago de Compostela o I Simposio Nacional de Radón Laboral. Durante o congreso, os expertos informaron de que o 70% da superficie de Galicia supera os 300 becquerelios por metro cúbico, limiar máximo permitido na lexislación laboral para evitar os efectos canceríxenos deste gas.
Ao evento, organizado polo equipo do investigador do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Alberto Ruano, asistiron diversos profesionais do sector. No congreso debulláronse diferentes aspectos deste problema de saúde pública e as súas posibles solucións orientadas nesta ocasión ao ámbito laboral. Segundo a Directiva Europea 2013759/Euratom, o volume máximo por metro cúbico de gas radón no lugar de traballo non debe superar os 300 becquerelios. Con todo, a transposición desta norma ao ordenamento xurídico español tardou case 9 anos e entrará en vigor nun par de meses.
Ante ese baleiro, o grupo de investigación que lidera Ruano, a través do Laboratorio Radón de Galicia, levou a cabo un estudo no que se recollen medicións de máis de 3.000 postos de traballo en España e cuxas conclusións serán publicadas proximamente. Non hai que esquecer que segundo a OMS, a inhalación de gas radon é culpable de entre un 3% e un 14% dos cancros de pulmón. De feito, o propio Ruano nun artigo que el mesmo asinaba para The Conversation afirmaba o seguinte: “É sorprendente o pouco coñecemento que existe acerca deste gas por parte da poboación española. Como sorprende tamén a inacción da maior parte de administracións públicas deste país”.
FONTE: gciencia.com
0 comentarios