DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER
O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller conmemórase anualmente tal día coma hoxe, o 25 de novembro, para denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas en todos os países para a súa erradicación.
A convocatoria foi iniciada polo movemento feminista latinoamericano en 1981, en conmemoración da data na que foron asasinadas, en 1960, as tres irmás Mirabal (Patria, Minerva e María Teresa), na República Dominicana. En 1999, a xornada de reivindicación foi asumida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa resolución 54/134, o 17 de decembro de 1999, entendendo por violencia contra a muller "todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na vida privada", e convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a convocar actividades dirixidas a sensibilizar á opinión pública sobre o problema da violencia contra as mulleres.
A violencia contra as mulleres converteuse nun problema estrutural. Diríxese cara ás mulleres co obxectivo de manter ou incrementar a súa subordinación ao xénero masculino. A súa orixe atópase na falta de equidade nas relacións entre homes e mulleres en diferentes ámbitos e na discriminación persistente cara ás mulleres. Trátase dun problema social presente tanto no ámbito doméstico como no público, en diferentes vertentes: física, sexual, psicolóxica, económica, cultural e outras, e afecta as mulleres desde o nacemento ata a idade avanzada. Non está confinada a unha cultura, rexión ou país específico, nin tampouco a grupos específicos de mulleres na sociedade.
Todos podemos colaborar para erradicala!
Denuncia!
0 comentarios