CONTO: A VISITA DO SEÑOR INSPECTOR
Enciclopedía que eu empreguei na escola
Alvariño era un neno desconfiado e fuxidizo. Todo por mor dun sinxelo problema fisiolóxico que o tiña maiormente acomplexado. Coma outros nenos da súa idade padecía incontinencia, e ás veces..., mexaba por el. Cando ía ir á escola por primeira vez, voltou para a casa na metade do camiño por medo a que o resto de cativos se mofasen del ao se decataren do seu defecto. Os nenos xa se sabe!
Súa nai tivo que convencelo e acompañalo días máis tarde para falar coa mestra e explicarlle a situación.
Dona Olga, muller de experiencia e moi sensibleira para os pícaros, fíxose cargo do cadro e tamén de como arranxalo.
- Alvarito -díxolle-,será muy fácil mantener la discreción. Un juego que tú y yo pactamos. Cuando hacéis una pregunta, levantáis la mano. Pues bien, si tú levantas el dedo índice de tu mano derecha, yo entiendo lo que quieres y asiento con la cabeza. Sales a hacer tus necesidades, no hemos mediado palabra y nadie ha de enterarse.
O plan deu un bo resultado. Cantas veces levantou o cativo aquel dediño, e cantas veces saíu correndo con el levantado sen dicir nada, ata chegar á xeteira que había a carón da escola. Trocoulle o crácter, volveuse cariñoso e garuleiro e mesmo aquel defecto se foi corrixindo paseniñamente.
Un bo día chegoulle á mestra unha carta do Ministerio de Madrid, avisando da próxima visita do Señor Inspector de Educación. Meu Deus! Daquelas, habíalle medo a todo, pero os mestres tremían cando viñan os inspectores. Dicían que ás veces viñan acompañados da garda civil. Aquelo era peor ca se o demo rompese un corno.
Así foi. Tal día como dicía a carta, apareceu na escola, e despois de respectuososos saúdos tratou de coñecer o nivel do ensino facendo varias preguntas aos cativos. Non houbo sorte: preguntou polos tempos verbais, polos Reis Católicos, polos ángulos do trapecio ou a lonxitude da circunferencia e, mesmo pola vida do Caudillo (Franco). Pero os nenos non souberon respostar axeitadamente.
A dona Olga fóralle mudando a faciana, tamén a cor e ata tremaba coma unha vara de freixo. Coa regra na man, fungaba, nunha mestura de medo ó visitante e rabia contida contra os raparigos por deixala coa faltriqueira ao aire.
O inspector, vendo o panorama, tratou de amañalo quitando leña do lume. Dirixíuse a unha neniña moi cativa da primeira meda e díxolle:
- A esta niña tan bonita voy a hacerle una pregunta sencilla. Vosotros estáis nerviosos pero ya veréis como ella sabe responderme...
Veamos pequeña, ¿cuántos dioses hay?
A cativa calou. Púxose colorada e seria, amurolada coma un pote. Non sabía a resposta.
A mestra non o puído evitar e tenta de axudala e por detrás do señor inspector, levantou o dedoí ndice da man dereita para que a pequena se decatase de que Deus era único. Só había un.
- Eu seino, eu seino... -dixo Alvariño., vendo as indicacións da mestra.
- Si lo sabes, dilo, dinos... ¿Cuántos dioses hay? -engadíu o inspector.
Volvendo mirar o dedo levantado da mestra dixo Alvariño:
- Señor inspector. É moi dificil saber o número exacto de deuses. Habería que ir aos decimais; pero a parte diso a min o que me parece polo xesto é que Dona Olga xa mexa por ela.
FONTE: Almanaque Agrícola ZZ. Ano LII
0 comentarios