Blogia
vgomez

MARTE PUIDO SER AZUL, COMO A TERRA


O planeta vermello puido estar cuberto de auga por completo, mesmo antes de que a Terra terminase de formarse, afirma un novo estudo.

Marte azul (e non, non falamos da triloxía marciana de ciencia ficción de Kim Stanley Robinson). Ese é o tentador achado que os investigadores da Universidade Estatal de Arizona e a Universidade de Stanford anunciaron no seu último estudo recentemente publicado na revista Earth and Planetary Science Letters.

Os científicos viron evidencia dos primeiros lagos, ríos e mesmo océanos no pasado de Marte. Pero agora, os novos modelos atmosféricos máis os datos do rover Curiosity apoian a posibilidade dunha atmosfera temperá de hidróxeno molecular.

A evidencia mostra que Marte foi unha vez cálido e húmido e tivo unha atmosfera. Tamén tiña auga superficial, sería azul, como a Terra, polo que é posible que Marte fose habitable (aínda que iso non significa necesariamente que estivese habitado). Sería cálido e húmido mentres a Terra aínda estaba a se formar, sendo unha bóla de rocha fundida neses momentos, que se arrefriaba lentamente.

Así, segundo a nova investigación, Marte puido ser un "punto azul pálido" cuberto de océanos. Este descubrimento podería permitir novas investigacións sobre un período previamente pasado por alto na historia xeolóxica de Marte e a formación e evolución do sistema solar.

"Unha medición recente realizada polo rover Curiosity do Laboratorio de Ciencias de Marte da NASA de arxilas de >3 Gyr lanza unha relación D/H 3x SMOW, o que demostra que a maior parte do enriquecemento produciuse ao principio da historia de Marte. O depósito de auga superficial, tivo que conter unha alta concentración de deuterio (cuxas moléculas son máis pesadas e non escapan ao espazo tan rápido como o hidróxeno)", reza o estudo. Os científicos din que a única forma de ter tanto deuterio é que o gas de hidróxeno foise perdendo no espazo.

O documento suxire que en lugar dunha atmosfera espesa de dióxido de carbono, a atmosfera primitiva de Marte era principalmente hidróxeno. A súa presenza axudaría a resolver o paradoxo de como o planeta podería ser o suficientemente cálido para albergar auga líquida cando o sol estaba un 30% máis escuro que na actualidade.

O equipo desenvolveu o primeiro modelo de evolución atmosférica primordial en Marte que incluía procesos de alta temperatura asociados con diferentes períodos xeolóxicos. Os modelos mostraron que os principais gases que emerxían da rocha fundida eran unha mestura de hidróxeno molecular e vapor de auga e que a atmosfera primitiva de Marte era moito máis densa do que é hoxe.

Os investigadores calcularon que o hidróxeno molecular (o principal compoñente da atmosfera) sería un gas de efecto invernadoiro o suficientemente forte como para permitir que a auga permanecese líquida durante millóns de anos. Estes océanos serían mesmo de auga morna (ou mesmo quente) polo efecto invernadoiro palpable do contido de hidróxeno molecular da atmosfera.

Atopamos que o quecemento de efecto invernadoiro debido a inventarios plausibles de H2 produce temperaturas superficiais o suficientemente altas como para estabilizar un océano de auga e producir un ciclo hidrolóxico cedo a través do cal pode circular a auga superficial”, din os autores.

Hai aproximadamente de 4.200 a 3.700 millóns de anos, Marte comezou a transición dun planeta máis cálido e húmido ao ambiente extremadamente frío e seco que vemos hoxe.

A pesar destes achados, mais que interesantes e con base en múltiples liñas de evidencia de orbitadores robóticos, módulos de aterraxes e rovers, aínda quedan preguntas sen resposta sobre canto tempo fluíu a auga líquida na superficie de Marte e se foi intermitente ou constante.

FONTE: Sarah Romero/muyinteresante.es/ciencia

0 comentarios