Blogia
vgomez

QUEN DIXO QUE A AUGA ERA H2O?

Dicir que a auga está composta por dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno foi un dos avances máis importantes e, á vez, máis difíciles da historia da química.

Durante case toda a súa existencia, a teoría atómica tivo moito máis de filosofía que de ciencia. Oculta aos ollos de gran parte dos científicos, para os que investigaban as propiedades da materia era indubidable de que estaba composta por átomos. O problema co que se enfrontaban era a súa incapacidade para obter substancias puras. A química arrastraba aínda o lastre dos catro elementos gregos. O descubrimento do osíxeno, nitróxeno, hidróxeno e outros elementos químicos fixo que volvese poñerse de moda a teoría atómica, pero cun enfoque totalmente diferente. O culpable, un meteorólogo cuáquero chamado John Dalton (1766-1844).

 

John Dalton e Joseph Louis Proust

A paixón de Dalton era a meteoroloxía. Construía barómetros, termómetros e pluviómetros para poder entender o que constituía a súa máxima obsesión: a humidade e o ciclo do vapor de auga na atmosfera. Pero o máis importante foi descubrir que o aire contiña catro veces máis nitróxeno que osíxeno -e pequenas trazas de dióxido de carbono-. Este achado estimulou o seu interese por investigar como reaccionaban entre si os gases. Nos seus experimentos deuse conta que ao combinar unha certa cantidade de gases sempre quedaba algo dos gases primitivos sen reaccionar. Por exemplo, o osíxeno e o hidróxeno sempre se combinaban nunha proporción de oito a un.

Este feito fora descuberto pouco tempo antes polo francés Joseph Louis Proust (1755-1826), que neses momentos estaba a pelexar por convencer aos seus colegas de que cada substancia química estaba composta por unha cantidade dada de elementos puros. Daba igual como se obtivo unha substancia, sempre contiña os mesmos «corpos simples» combinados nas mesmas proporcións. Reflexionando sobre todos estes interrogantes Dalton chegou á conclusión de que podían explicarse se supoñía que a materia estaba composta por átomos. Tamén atopou que a hipótese atómica explicaba unha lei que acababa de descubrir: todos os gases expándense a mesma cantidade se se lles aumenta na mesma proporción a temperatura.

En 1805 Dalton, diante dos seus colegas da universidade de Edimburgo, presentou «unha nova visión dos primeiros principios ou elementos dos corpos e as súas combinacións». Durante a súa conferencia anunciou que a súa idea produciría «cambios moi importantes no sistema da química e reduciría todo a unha ciencia moi simple, e inteligible ata para o de máis baixo entendemento». De modo tan modesto Dalton -excelente conferenciante- introduciu a teoría atómica na química. Unha teoría que presentaba dous importantes avances: establecía unha escala relativa de pesos para os elementos químicos -primitiva, por suposto, pero a primeira en ser proposta-, e introduciu un sistema de símbolos para os elementos e os compostos, para representar tanto a súa identidade como as súas masas.

Dalton seguiu traballando na súa teoría ata que en 1808 presentou o seu clásico, Un novo sistema de filosofía química, onde sinalaba que, a pesar de que non se podía medir o peso dos átomos por ser demasiado pequenos, si podía medirse o peso relativo entre átomos. Dalton seguía as súas regras de sinxeleza, que no fondo viñan dicir que os compostos sempre se formaban pola combinación química máis sinxela. Así, o único composto de hidróxeno e osíxeno era a auga, logo debía ser oʘ, ou sexa OH, o que introduciu o erro de considerar o peso relativo do osíxeno de 8 en lugar de 16. 

Joseph Louis Gai-Lussac e Jöns Jakob Berzelius

A publicación da teoría de Dalton atraeu a atención do químico francés Joseph Louis Gai-Lussac (1778-1850). Atopara a mesma relación entre o volume e a temperatura dun gas achada por Dalton pero formulouna de maneira máis explícita. O seu interese centrábase na combinación de gases e descubriu que dous gases sempre reaccionaban de forma que o cociente dos seus volumes era un número enteiro. Así, un volume de osíxeno combínase con dous de hidróxeno para dar dous de auga.

Agora ben, se os átomos existían, debiamos ser capaces de medir os seus pesos. Gran parte do esforzo químico durante a primeira metade do século XIX foi determinar da maneira máis exacta posible os pesos de todos os compostos coñecidos. E quen se dedicou con máis afán a este labor foi un sueco hipocondríaco, amante das mulleres e da boa comida chamado Jöns Jakob Berzelius (1779-1848).

O ano en que Dalton anunciou a súa teoría Berzelius obtiña unha praza de profesor de medicina e farmacia na Facultade de Medicina de Estocolmo (anos máis tarde coñecida como o Instituto Karolinska). No seu laboratorio Berzelius dedicouse a aprender todo o que puido de química e co diñeiro da súa millonaria muller gozou dos bos praceres da vida: viaxar —ocasión que aproveitaba para manter ao día uns divertidos diarios onde describía con todo luxo de detalles as ‘formas femininas’ dos países que visitaba—, comer —un día chegou a zamparse un menú francés de corenta pratos—, beber augas minerais —destinadas a curar as súas enfermidades imaxinarias— e a usar o seu soplete, un instrumento que era utilizado habitualmente para alcanzar os 1.500ºC e identificar os elementos que compoñían os minerais previamente desmenuzados.

 Berzelius era moi bo nisto e analizaba a composición das coleccións de minerais de amigos e coñecidos a cambio de comida e hospedaxe —como, por exemplo, fixo coa de Goethe—. Nunha desas ocasións, mentres trataba de identificar a composición dunha misteriosa rocha atopada preto dunha mina de ferro en Suecia, Berzelius e o seu rico anfitrión descubriron que se trataba dunha mestura de tungsteno cun novo elemento. En lugar de bautizalo co nome de sueconium ou berzelium —como fose de esperar— chamóuselle cerio, en honra a un asteroide, Ceres, recentemente descuberto.

Antoine Lavoisier

Berzelius enseguida interesouse pola proposta de Dalton e en 1818 xa identificara os pesos de corenta e cinco dos corenta e oito elementos coñecidos, e elaborou unha lista con máis de dous mil substancias. A complexidade que atopou á hora de nomear os diferentes compostos fíxolle exporse unha nova forma de notación para as diferentes substancias químicas, completando así a notación introducida por Antoine Lavoisier en 1787. Identificou cada elemento coa primeira letra do seu nome latino, e se había dous que empezaban pola mesma engadía a segunda. No caso de substancias compostas, un número en subíndice indicaba a proporción en que se atopaba o elemento en cuestión. A auga sería a partir de entón H2O, o anhídrido carbónico CO2 e o ácido sulfúrico H2SO4.

FONTE: Miguel Ángel Sabadell/muyinteresante.es        Imaxes: biografiasyvidas.com, pixels.com, daliaguzman1996.wordpress.com, biografiasyvidas.com e biografiasyvidas.com

0 comentarios