Blogia
vgomez

ATOPADO O CEREBRO DE VERTEBRADO FÓSIL MÁIS ANTIGO DO MUNDO

Ilustración do peixe de 319 millóns de anos / Márcio L. Castro

Hai 319 millóns de anos, un peixe acabou enterrado nos sedimentos. Tratábase do Coccocephalus wildi, un tipo de peixe con aletas radiadas, como o peixe espada e a troita actuais. É un grupo diverso composto por unhas 30.000 especies. Agora, achéganos "o exemplo máis antigo dun cerebro vertebrado ben conservado".

Foi un descubrimento inusitado. Achar un fósil de cerebro de peixe notablemente detallado de 319 millóns de anos mentres os investigadores probaban tomografías micro-CT para un estudo máis amplo foi todo un momento Eureka. Un achado totalmente fortuíto e formidable, xa que o peixe levaba un século oculto ante os nosos ollos.

O cerebro e os seus nervios craniais miden uns 3 centímetros de longo e pertencen a un peixe extinto de tamaño pequeno. O descubrimento abre unha xanela á anatomía neural e a evolución temperá do principal grupo de peixes vivos hoxe en día, os peixes con aletas radiadas, segundo os autores que publican a súa investigación na revista Nature.

O pequeno cranio é o único fósil da especie extinta que se atopou. O seu descubrimento tamén proporciona información sobre a preservación de partes brandas en fósiles de animais con columna vertebral. Cando o peixe morría, os tecidos brandos do seu cerebro e nervios craniais eran substituídos durante o proceso de fosilización por un mineral denso que conservaba, con exquisito detalle, a súa estrutura tridimensional.

"Unha conclusión importante é que este tipo de partes brandas pódense conservar, e pódense conservar en fósiles que tivemos durante moito tempo; este é un fósil que se coñece desde hai máis de 100 anos", explica o paleontólogo Matt. Friedman, autor principal do novo estudo e director do Museo de Paleontoloxía da Universidade de Michigan.

O cerebro de Coccocephalus formouse avultándose ao redor dunha cavidade e encartándose cara a dentro, como os dos mamíferos, aves e réptiles na actualidade. Os nervios craniais desaparecen unha vez que saen do cranio, o que suxire que había algo diferente na química dentro da caixa craneana que permitiu a súa preservación e a do cerebro mesmo.

Os investigadores suxiren que C. wildi foi un dos primeiros peixes con aletas radiadas, que tiña aproximadamente do tamaño dun ollomol, que nadaba nun estuario e probablemente alimentábase de pequenos crustáceos, insectos acuáticos e cefalópodos, un grupo que hoxe inclúe luras, polbos e sepias.

C. wildi é o único exemplo dun peixe con aletas radiadas que non mostra o desenvolvemento cerebral típico do seu grupo. O seu cerebro desenvólvese da mesma maneira que noutros grupos de vertebrados, o que o diferencia de todos os peixes vivos con aletas radiadas.

Este achado inesperado dun cerebro de vertebrado conservado en tres dimensións ofrécenos unha visión sorprendente da anatomía neuronal dos peixes con aletas radiadas. Dinos un patrón de evolución cerebral máis complicado que o suxerido polas especies vivas por si soas, o que nos permite definir mellor como e cando evolucionaron os peixes óseos actuais”, aclara Sam Giles, coautor do traballo.



Cranio fosilizado de Coccocephalus wildi / Jeremy Marble, University of Michigan News.

"As comparacións cos peixes vivos mostraron que o cerebro de Coccocephalus é máis similar aos cerebros dos esturións e os peixes espátula, que a miúdo se denominan peixes ’primitivos’ porque se separaron de todos os demais peixes vivos con aletas radiadas fai máis de 300 millóns de anos", di o experto.

Os peixes con aletas radiadas, subclase Actinopterygii, constitúen máis da metade de todos os animais con columna vertebral vivos na actualidade, incluídos os atúns e os cabaliños de mar, e o 96 por cento de todos os peixes.

"É por iso que conservar os especímenes físicos é tan importante. Porque quen sabe, en 100 anos, que podería facer a xente cos fósiles das nosas coleccións agora", conclúen.

FONTE: Sarah Romero/muyinteresante.es

0 comentarios