DESCOBREN TRES ESPECIES NOVAS DE NÁUTILOS
Os náutilos son moluscos cefalópodos, é dicir, do mesmo grupo filoxenético que o polbo, a lura ou as sepias, pero cunha particularidade: son os únicos membros do grupo que presentan cuncha exterior desenvolvida. A sepia e a lura teñen un rudimento vestixial da cuncha no interior do corpo, e o polbo carece dela (as femias de argonauta, un tipo de polbo, exhiben unha estrutura similar, pero non é unha auténtica cuncha, senón unha cámara de cría para levar os ovos).
A cuncha do náutilo forma unha espiral logarítmica, dependente da constante de Euler, con cámaras consecutivas, separadas por muros, que reciben o nome de septos. Estas cámaras proporcionan ao nautilo o control total da flotación, enchéndoas ou baleirándoas de auga a vontade, coma se fose o lastre dun submarino.
Concha de náutilo cortada lonxitudinalmente; obsérvanse as cámaras e os septos no seu interior. Superpúxose unha espiral logarítmica con valor a=1,197 / FlamingPumpkin /iStock
As cunchas de náutilo teñen unha abundante presenza no rexistro fósil, e é que os nautilos cambiaron moi pouco nos últimos centos de millóns de anos. Durante o mesozoico, os náutilos sufriron a competencia doutros animais mellor adaptados á contorna, como os ammonites. Tras a extinción deste grupo, a finais do cretácico, o resto dos cefalópodos, máis modernos (sepias, polbos e luras) impediron a diversificación dos nautilos. Pero resistiron, mantiveron o seu aspecto e hoxe son considerados fósiles viventes.
A cuncha non é a única diferenza entre estes cefalópodos e os seus parentes evolutivos; a diferenza do resto, que presentan oito brazos cubertos de ventosas, e dous tentáculos máis no caso de sepias e luras, os nautilos presentan entre 60 e 90 apéndices, curtos e finos, carentes de ventosas, chamados cirros.
A clasificación das especies de náutilo sempre foi obxecto de discusión. Ata o de agora, recoñecéronse tres especies do xénero Nautilus. A máis abundante e coñecida é N. pompulius, descrita por Linneo en 1758, esténdese por Indonesia, Filipinas e Papua-Nova Guinea; as outras dúas, descritas en 1849 son N. macromphalus, nativa de Nova Caledonia, e N. stenomphalus, presente na Gran Barreira australiana. Outras especies descritas durante o século XX non se consideran válidas, ao descubrir que os exemplares sobre os que se sostiña a súa descrición científica eran, en realidade, exemplares xuvenís de especies xa coñecidas.
Fotografías submarinas de Nautilus A, B N. samoaensis sp. nov. C N. vanuatuensis sp. nov. D N. vitiensis sp. nov.
O equipo de investigación liderado por Gregory J. Barord, do Departamento de Ciencias Marinas de Des Moines, Iowa (Estados Unidos) espuxo a posibilidade de que tres poboacións de náutilo atopadas nas proximidades de Vanuatu, Fiji e Samoa pertencesen a especies distintas. Especialmente, porque estas localizacións están separadas do resto, e illadas entre si, o que xera o escenario óptimo para a especiación. Combinando un estudo morfolóxico das cunchas cunha análise xenética baseada en máis de 18 000 polimorfismos dun só nucleótido (SNP), os investigadores chegaron á conclusión de que as tres poboacións pertencen a especies novas, denominadas, respectivamente, Nautilus vanuatuensis, N. vitiensis e N. samoaensis.
Este descubrimento, publicado na revista científica ZooKeys, proporciona ademais información abundante sobre a radiación evolutiva do xénero Nautilus e abre as portas a futuras prácticas de conservación.
FONTE: Álvaro Bayón (Bary)/muyinteresante.es
0 comentarios