Blogia
vgomez

POR QUE OS SERES HUMANOS NON PODEMOS COMER E RESPIRAR AO MESMO TEMPO?

O creador do laringoscopio (instrumento médico simple que serve principalmente para examinar a glote e as cordas vocais) viviu no século XIX, tiña un nome indiscutiblemente español: Manuel; e un apelido con marcado acento hispano: García. Non era biólogo nin médico, era sinxelamente profesor de canto e barítono: Manuel Patricio Rodríguez Sitches (Madrid, 1805-1096)

Foi a súa infinita curiosidade e o seu afán desmedido por descubrir o mecanismo da voz o que o levou a deseñar o primeiro adminículo para observar as cordas vocais e, con el, alumou unha nova disciplina: a laringoloxía.

A función da larinxe é tripla: protección, respiración e xeración de sons. Se comparamos a larinxe humana coa dos primates hai grandes diferenzas, por unha banda, a deles consta dunha «membrana» que lles axuda a emitir diferentes sons e distorsións acústicas. Grazas a ela claman esa enorme variedade de berros e gruñidos, de diferentes intensidades e tons, que todos coñecemos.

A perda desa estrutura larínxea permitiunos a capacidade de producir outro tipo de sons, moito máis harmónicos, que acabou dando lugar á linguaxe humana. A sinxeleza anatómica da nosa larinxe sustentaríase no concepto «usalo ou perdelo» –use it or lose it-, de tal forma que unha criatura mantén unha característica física se a usa para sobrevivir, en caso contrario elimínaa lentamente.

Por outra banda, a nosa larinxe atópase situada a un nivel moito máis baixo no pescozo, unha idiosincrasia anatómica que nos permite poder falar, aínda que para iso tivésemos que pagar un alto prezo: o atragoamento, no caso de que pretendamos tragar e respirar de forma simultánea. Unha desvantaxe que, obviamente, pasou por alto a evolución.

Anatomicamente, tanto a boca como a farinxe forman parte da vía dixestiva e a vía respiratoria. A partir da farinxe os alimentos continúan o seu camiño polo esófago ata o estómago, mentres que o aire segue pola vía respiratoria e chega á larinxe.

Coñécese como aspiración ou broncoaspiración cando os alimentos ou os líquidos pasan ás vías respiratorias de forma accidental. Trátase dunha situación que pode ter graves consecuencias para a saúde, xa que pode derivar nunha pneumonía.

Para evitar que isto suceda a natureza dotounos da epiglote, un pequeno colgaxo de tecido ríxido que cando tragamos dóbrase cara atrás e pecha a entrada á larinxe e á traquea, impedindo así que os alimentos pasen á vía respiratoria. Tras a deglución a epiglote retorna á súa posición orixinal.

Pola súa banda, no proceso de respiración a epiglote permanece elevada e o veo do padal descende, facilitando o paso do aire desde a farinxe cara á larinxe e, finalmente, cara á traquea.

Debido a que nos primates a larinxe ocupa, como vimos, unha posición máis alta no pescozo, situándose case na saída da cavidade bucal, si poden deglutir alimentos e respirar de forma simultánea sen correr riscos de atragoamento.

Agora ben, todos observamos que os bebés non teñen problema para respirar e chupar ao mesmo tempo. A explicación é anatómica, debido a que durante os seis ou sete primeiros meses de vida a larinxe atópase nunha situación o suficientemente elevada para que haxa unha distancia razoable entre a traquea e o esófago, de forma que o haxa risco de atragoamento. Ademais, o padal duro dispón duns pregues transversais que permiten suxeitar a mamila e facilitar o proceso de deglución.

Hai xa moitos séculos que Platón definiu ao home como bípedo implume, un animal que camiña sobre dúas patas e carece de plumas, a esa definición, e á luz dos coñecementos actuais, é posible que engadise «primate atragoado».

FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia

0 comentarios