Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... POR QUE SE ACENDE UN MISTO?

Cando miramos como arde un misto, se acendemos o lume na casa para cociñar ou, a gran escala, cando se produce un incendio, o que estamos a ver son procesos de combustión. Para entender como funciona este proceso, é necesario que coñezas un concepto ao que chamamos triángulo do lume. O triángulo de lume dinos que para que se produza unha combustión son necesarios tres elementos. O primeiro é o combustible, que é o elemento que se vai a queimar. Porque nunha combustión a materia quéimase en presenza dun axente oxidante, liberando enerxía en forma de calor. O segundo elemento é o comburente, que é o axente oxidante e que a maioría das veces é o osíxeno. E o terceiro é unha fonte de calor, o que chamamos enerxía de activación que é a que fai que se inicie a combustión e pode ser unha faísca, unha corrente eléctrica, etc…

Pero non só ten que producirse a combustión, senón que debe manterse, e para iso son necesarias unha serie de reaccións en cadea. Na actualidade, o triángulo do lume cambiouse por outro concepto que engade este cuarto elemento e por iso chamámolo tetraedro do lume (tetra é un prefixo de orixe grega que significa catro).

Este tetraedro do lume explícache como se acende un misto e por que se mantén acesa. Os primeiros mistos, que tamén se chaman fósforos de fricción, ideáronse a principios do século XIX. Non son máis que un obxecto que se acende cando se frega contra un papel de lixa. A súa composición inicial foi cambiando para mellorala. As primeiras tiñan como principal elemento o fósforo branco, pero co tempo observouse que era moi tóxico e provocaba graves enfermidades ás persoas, sobre todo mulleres e nenas e nenos, que traballaban nas fábricas nas que se producían. Por este motivo, a principios do século XX substituíuse polo fósforo vermello, que é o que conteñen agora os mistos.

Ademais de fósforo vermello, os mistos teñen outros compostos que axudan á combustión, como o trisulfuro de antimonio (ou outros derivados do xofre), que funciona como combustible e o clorato de potasio (ou outro composto oxidante equivalente), que é o oxidante que libera o osíxeno necesario para a combustión. Tamén teñen unha serie de aditivos, como colorantes, adhesivos etc., pero os elementos crave son o fósforo vermello, o trisulfuro de antimonio e o clorato de potasio. Os mistos tamén teñen o seu soporte, o pauciño que adoita ser de madeira e que xeralmente está impregnado dunha parafina, unha cera.

Hoxe en día, por seguridade, o fósforo vermello non se atopa na cabeza do misto, senón no raspador da caixa, mesturado con po de vidro. Desta forma evítase que poidan arder dentro da caixa por rozamento duns mistos con outras.

Cando fregamos o misto sobre o raspador da caixa prodúcese unha fricción que é a fonte de calor necesaria da que falabamos antes para que se inicie a combustión. Coa calor, unha pequena cantidade de fósforo vermello transfórmase en fósforo branco, que se inflama e libera moita enerxía. O clorato de potasio emite o osíxeno necesario para a combustión do fósforo restante e do trisulfuro de antimonio, que axuda a que se forme a chama. Este proceso inicia a combustión, a ignición da cabeza do misto. Como o pauciño do misto é de madeira, ou de cartón, e está impregnado de cera, fai que a combustión se manteña.

FONTE: Nuria Ortuño García/elpais.com/ciencia        Imaxe: N-C BELANGER (Getty Images)

0 comentarios