Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... POR QUE SAEN OS CARACOIS CANDO CHOVE?

Os caracois saen cando chove porque necesitan unhas condicións de humidade moi altas para poder sobrevivir. A cuncha protéxeos dos depredadores e axúdalles a conservar a humidade do seu corpo. Estes animais foxen das temperaturas extremas. Cando o tempo é moi seco, entérranse, mesmo ata a dous metros de profundidade, ou se ocultan baixo rochas ou follas, en zonas resgardadas preto de ríos ou charcos, sempre en lugares onde se sentan protexidos da falta de auga. Esta mesma conduta lévana a cabo durante o inverno.

Os caracois desprázanse sobre unha estrutura muscular chamada pé, que está repleto de glándulas mucosas que segregan o que coñecemos como baba. Esta mucosidade é a que lles permite moverse. Canto menos seco sexa o substrato polo que se moven, máis fácil é para eles o desprazamento. Se hai pouca humidade, a mucosa vaise secando e chega un momento no que non se poden mover e eso pode provocar a súa morte. Esta seca que estamos a vivir en España, por exemplo, aféctalles moito. De feito, os caracois terrestres son dos animais máis afectados por ela.

Cando chove poden desprazarse máis facilmente, o que lles permite chegar aos sitios onde atopan alimento e realizar outras funcións fisiolóxicas como o apareamento e a reprodución. Ademais, os caracois son ovíparos e normalmente enterran os seus ovos, polo que necesitan que o substrato estea húmido e brando.

Pero realmente os caracois non adoitan saír no momento no que está a chover, senón despois, xa que as pingas de choiva poden facerlles dano ao impactar sobre o seu corpo e a súa cuncha. Tampouco saen se hai demasiada auga porque tampouco poden moverse facilmente nun terreo encharcado e pódense afogar. Unha situación óptima para eles é cando o ambiente ten unha humidade relativa de entre o 80 e 90%. As súas horas do día preferidas para saír son as do amencer e o anoitecer porque son os momentos do día nos que hai menor insolación.

Cando as condicións ambientais son pouco favorables, os caracois buscan refuxio dentro da súa cuncha e pechan a súa abertura co epifragma, que é unha lámina mucosa endurecida. Esto axúdalles a manter a humidade e tamén a protexerse da entrada de depredadores. Neste estado poden resistir moito tempo, durante o que non necesitan comer porque o seu metabolismo é moi lento e non gastan enerxía. No caso das babosas, que teñen cunchas moi pequenas ou carecen delas, entérranse, refúxianse en gretas na madeira ou nas rochas ou protéxense en zonas próximas á auga.

FONTE: Lola Bragado Álvaarez/elpias.com/ciencia     Imaxe: Ralf Hirschberger (Picture Alliance/Getty Images)

0 comentarios