Blogia
vgomez

XIMNASIO LÉXICO

Aprender e afianzar o léxico galego divertíndose e competindo. Este é o propósito do Ximnasio Léxico, a aplicación de xogos baseada no Dicionario da Real Academia Galega que xa pode descargarse en todos os dispositivos móbiles de Android e iOs.

O dominio dunha lingua non significa só coñecer un repertorio léxico senón tamén ser quen de empregar as palabras con naturalidade e espontaneidade. Dunhas só é preciso saber vagamente o significado. Outras xa están no vocabulario cotián, pero en ocasións deformadas, pois atribúeselles un significado equivocado ou tenden a escribirse incorrectamente. O Ximnasio Léxico permite adestrar o manexo óptimo do vocabulario xogando de distintas maneiras.

As persoas xogadoras poden elixir simplemente adestrar, o que permite escoller o tipo de xogo que interese máis en cada momento, ou ben competir. A opción do adestramento facilítalles aos usuarios e usuarias afacerse á mecánica dos xogos antes de dar o salto á competición, estruturada en tres niveis: inicial, medio e superior. Para avanzar dun nivel a outro é preciso sumar un número determinado de puntos en cada un dos seis xogos. Cada vez que a persoa xogadora suba de nivel aumentará a dificultade das propostas.

O circuíto proposto consta de seis xogos. Tres deles, os chamados aparellos, Bule, Rube e Une, constitúen o corazón da aplicación e constrúense a partir das voces recollidas no dicionario en liña da Real Academia Galega. O primeiro, Bule, ofrece a definición dunha palabra e tantos recadros como letras ten para ir completándoa co teclado, Rube consiste en adiviñar a palabra agochada, da que só se ofrece o número de letras, e Une funciona emparellando a palabra da columna esquerda co seu sinónimo, disposto á dereita entre outros vocábulos.

Os outros tres, as Vitaminas, emerxen cando a persoa xogadora acada un determinado número de puntos en cada nivel. Na primeira débese atopar, agochada entre outras letras, a palabra que completa o título dunha obra das letras galegas. A segunda esixe completar uns versos ou un dito popular coa voz que falta e a terceira propón acertar, entre un grupo de lemas, cal é o vocábulo que non pertence a un determinado grupo semántico.

FONTE: academia.gal

0 comentarios