O XENXIBRE DO HIMALAIA, UNHA ESPECIE INVASORA ASENTADA EN GALICIA
O xenxibre do Himalaia é unha especie que produce moita biomasa e que se propaga de forma vexetativa / Wikimedia
As plantas invasoras ameazan a biodiversidade dos ecosistemas. Algunhas son rechamantes, fermosas, con floracións que fan pensar que non poder ser prexudiciais para outros organismos. É o caso do xenxibre do Himalaia (Hedychium gardnerianum), unha das especies invasoras máis coñecidas a escala mundial e que chegou a Galicia hai unha década, incluso ás Fragas do Eume. Está considerada como unha especie preocupante e a Federación Ecoloxista Galega insta á Xunta a poñer en marcha medidas para erradicala debido a súa presenza en máis de vinte concellos. Pode ameazar a fauna e flora da contorna e incluso degradar a auga e aumentar a sedimentación.
O denominado tamén xenxibre branco, xenxibre hawaiano ou kahili pode alcanzar os dous metros de altura. As súas follas son brillantes e as súas flores de cor amarelo alaranxado con grandes pétalos. Nacen en chans húmidos, pero é unha especie que se adapta a outras condicións atmosféricas, xa sexa á calor ou á sombra. O investigador da Universidade da Coruña Jaime Fagúndez explica que esta planta propágase de “maneira vexetativa” e aparece en bosques húmidos con gran biodiversidade que se ve alterada pola presenza desta especie. “Non aparece en hábitats degradados, pódese atopar en espazos como as Fragas, nos amieirais ou na marxe dos regatos. Por exemplo, preto dos fentos, que son especies con moito interés de conservación”, explica o tamén profesor de botánica.
A Hedychium gardnerianum está considerada como especie invasora dende o 2013, cando se publica o Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras nas que figura. Está prohibida a súa introdución no medio natural, así como o seu transporte ou venda. Segundo explicou a Federación Ecoloxista Galega, cando se publicou o ‘Plan Estratéxico Galego de xestión das EEI para o Desenvolvemento dun sistema estandarizado de análise de riscos para as especies exóticas en Galicia’ en 2012, a especie xa estaba presente no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e na contorna do Parque Natural das Fragas do Eume.
Eliminación manual
En Galicia a planta está presente nos concellos de Cedeira, Cariño, Ortigueira, Pontedeume, Valdoviño, Corcubión, Miño, Sada, Carnota, Cee, A Coruña, Muros, Malpica, Ribeira e Porto do Son na provincia da Coruña; Poio, Covelo, Gondomar, Redondela e Bueu en Pontevedra; e Foz e Viveiro en Lugo, sen descartarse a súa presenza noutros lugares. Na opinión dos ecoloxistas, a planta pode aínda erradicarse das paisaxes galegas, por iso piden unha “eliminación manual”; solicitan as medidas de control necesarias para a eliminación dos exemplares da especie que se atopen en parques, xardíns e calquera espazo público ou privado; e a realización de campañas de educación ambiental.
Debemos actuar xa!
FONTE: Alba Tomé/gciencia.com/medioambiental
0 comentarios