SOBRE O NACEMENTO DO PAI DOS RÍOS GALEGOS: O MIÑO
O nacemento do río Miño está no Pedregal de Irimia, na Serra de Meira, a tan só 3 quilómetros da aldea que ten o mesmo nome. De todas as fontes das que se abastece o río, a do Pedregal de Irimia é a máis alta (620 metros) e sen dúbida, a máis orixinal.
O lugar no que nace o Miño é un tanto curioso. Está formado por ducias de fontes que se estenden ao longo da ladeira oeste da montaña e crean tres regatos principais que se unen un pouquiño máis abaixo, na área recreativa do Porto da Pena. Alí fórmase un pequeno río que pasa por Meira e cruza Fonmiñá en dirección á capital lucense na súa procura do Atlántico.
Pero sen dúbida, o máis rechamante deste lugar, é que cando chegamos buscando o río, atopámonos cun gran río de pedras, uns 700 metros, encaixadas unhas noutras.
Pedregal de Irimia /galiciamaxica.eu/galicia
E como chegaron aquí todas estas pedras?
Pois foi a propia natureza a que as puxo aquí. A maior parte das pedras que podes ver no nacemento do Miño proceden dunha morena periglacial. En realidade levan aquí entre 10.000 e 20.000 anos.
Onde está o nacemento do Miño? Ou Pedregal de Irimia ou a lagoa de Fonmiñá?
Lagoa de Fonmiñá / galiciamaxica.eu/galicia
Durante moito tempo houbo unha gran polémica ao redor diso porque algúns dicían que o Miño nacía na lagoa de Fonmiñá, que está no concello da Pastoriza, e outros dicían que non, que o nacemento do Miño estaba no Pedregal de Irimia.
O certo é que na lagoa hai unha fonte, que ademais se sitúa no mesmo leito do río, pero non é a única, en total hai unha ducia delas. Así que varios expertos en hidrografía decidiron introducir medidores nestas fontes para comprobar a súa profundidade, e chegaron á conclusión de que tanto a serra, como o val de Meira, están situados sobre unha gran balsa de auga, e que por iso nace auga en diferentes puntos.
Un deses puntos é a lagoa de Fonmiñá, que se forma por unha afloración de augas profundas que está vinculada a procesos cársticos e hidrotermais que, segundo concluíron os investigadores, xorde un pouco máis abaixo do nacemento do Miño. A fonte máis alta é a do Pedregal de Irimia, así que se estableceu que aquí é onde nace o pai dos ríos galegos.
Esta é a versión oficial, pero lembra que estamos en terra de meigas, así que tamén hai outras versións que a día de hoxe non podemos comprobar, pero se crees na maxia, igual algunha delas convéncecte.
Un sitio tan curioso e en terra de meigas tiña que ter lendas si ou si. Ao longo da anos foron xurdindo outras versións que nos contan como chegaron as pedras ata o nacemento do Miño, digamos que… un pouco menos obxectivas.
As lendas do nacemento do Miño no Pedregal de Irimia:
- Lenda da bruxa que se quería quedar o río
Parece ser que por esta zona había unha meiga que se chamaba Irimia. Resulta que non levaba moi ben cos monxes do convento de Santa María de Meira. Un día, mentres estaba a vixiar o seu gando, os monxes achegáronse a pedirlle que lle pagase os tributos que nunca pagaba. Ela respostoulle botándoos das súas terras lanzándolles pedras que medrando comezaron ao rodar ladeira abaixo mentres lles soltaba un esconxuro: “Nunca probaredes as primeiras augas deste río porque é miño” (meu).
Outra versión desta lenda di que os monxes chegaron a expropiarlle as terras, porque non quería pagar os tributos. Así que a meiga en vinganza decidiu cortarlles o abastecemento de auga facendo crecer unhas pedras moi grandes no lugar para que non puidesen ver as fontes de auga.
- Lenda da anciá á que os lobos queríanlle comer o gando
Outra lenda conta a historia dunha anciá que estaba pastoreando ao gando que pacía tranquilamente no monte pero apareceron os lobos. A muller, para evitar que os lobos se comesen ao seu gando botou a correr e empezou a tirarlles pedras, deixando caer as que tiña no seu colo. A lenda conta que as pedras empezaron a medrar monte abaixo, abrindo a terra e deixando saír un regato de auga.
- A lenda do nacemento do Miño e os homes pecadores
Esta lenda conta que había nesta zona uns homes pecadores dunha raza maldita, que esperaban a purificación das súas almas a través das augas limpas deste manancial.
- A lenda das mulleres que querían ser amadas
Outra das lendas do nacemento do Miño di que as mulleres que pasaban pola zona ían deixando unha pedra para conseguir fidelidade no amor.
- A lenda do nacemento do Miño e a vella que se vingou do seu marido
Resulta que había por aquí unha velliña que se pasaba as horas discutindo co seu marido e unha desas discusións díxolle: “Corre e non mires atrás; se o fas haste de acordar!”. O home correu pero a curiosidade matou o gato e a este señor tamén. Non puido evitar mirar para atrás, así que a vella cumpriu a súa ameaza e uns paxaros enormes empezaron a tirarlle pedras sobre a cabeza, unha delas fíxolle tropezar e acabou lapidado.
FONTE: miniontour.es
0 comentarios