Blogia
vgomez

COMUNICARSE COA MIRADA

Unha das máis dolorosas limitacións que sofren quen padece enfermidades neuromusculares é que, a medida que se vai perdendo a capacidade de movemento, desaparece tamén con ela a posibilidade de comunicarse con quen lles rodea. Por exemplo, os pacientes de ELA (a máis coñecida deste tipo de enfermidades por padecela o físico británico Stephen Hawking) non ven afectados en ningún momento da súa enfermidade os seus órganos sensoriais nin as súas facultades intelectuais e, con todo, poden chegar a sentirse illados do mundo. Porque, aínda podendo recibir e interpretar todos os estímulos, ata hai pouco estaban moi limitados na súa capacidade para dar respostas e facerse comprender. En especial no referente á linguaxe oral, o máis habitual.

As novas tecnoloxías están a servir de gran axuda a moitas destas persoas. Dabondo é coñecida a voz metálica e sintetizada de Stephen Hawking. Escoitouse en conferencias, entrevistas e mesmo anuncios publicitarios. A súa imaxe pública é inseparable do seu sofisticado sistema de comunicación, que incorpora un computador e un monitor á súa cadeira de rodas. Pero mesmo un sistema tan avanzado ten a desvantaxe de resultar demasiado aparatoso polo seu tamaño.

Por iso cando Ivo Vieira (1976), enxeñeiro portugués, recibiu a noticia de que o seu pai fora diagnosticado con ELA, dispúxose a tentar axudarlle cos coñecementos tecnolóxicos que acumulara durante os seus 16 anos de experiencia no sector aeroespacial. “Despois do impacto da noticia, declarou Vieira nunha entrevista, quixen transforma este trrágico suceso en algo que tivese sentido, en algo bo. Por iso comprometinme coa idea de cambiar as vidas de miles de persoas en todo o mundo. Temos o coñecemento. Temos a experiencia. E temos a motivación para facelo”. Ese compromiso tomou forma con EyeSpeak, unhas lentes deseñadas expecíficamente para persoas con dificultades de comunicación por problemas motores.

O sistema consiste nunhas lentes de realidade aumentada que proxectan un teclado virtual no campo de visión de quen as utiliza, mentres unha microcámara enfocada á pupila do usuario identifica a tecla que está a mirar. Cando remata de escribir a palabra ou a frase que desexa, pulsa a tecla “Falar” e un pequeno altofalante reproduce o que escribiu.

Vieira cre que a súa idea ofrece grandes vantaxes respecto dos sistemas actuais: en primeiro lugar, non necesita estar conectado a un computador, polo que é máis portable; e en segundo se o usuario cambia de posición non requere unha nova calibración. Dito en poucas palabras, trátase dun sistema autenticamente móbil. Vieira cre que dispositivos como o seu achegan avances que farán que cambie radicalmente a forma que temos de comunicarnos dentro de moi pouco e vaticina: “os smartphones que utilizamos agora mesmo desaparecerán dentro cinco ou dez anos”.

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País/Ciencia

0 comentarios