Blogia
vgomez

SABIAS QUE... POR QUE OS PLÁTANOS SON CURVOS?

Acios de plátanos / Adobe Stock

Os plátanos son a froita tropical máis cultivada e unha das catro froitas máis consumidas a nivel mundial. Se poñemos a lupa no noso país, os plátanos ocupan o segundo lugar na clasificación de froitas máis consumidas, estímase que ao ano inxerimos case 12 quilos por persoa, unha cifra que tan só é superada polas laranxas, cunha media de 17 quilos anuais por persoa.

Nas clases de bioloxía ensináronnos que na maioría das plantas o froito é unha estrutura que se forma ao redor das sementes, coa finalidade de protexelas e axudalas a dispersarse. Poderíase dicir que o froito é a última derivada da transformación do ovario tras producirse a polinización.

De forma excepcional hai situacións nas que os froitos medran sen polinización, é máis, existen casos nos que o ovario non encerra os óvulos. Nestas situacións desenvólvese un froito sen sementes, é o que se coñece como partenocárpica e sucede, por exemplo, nos plátanos. Esta sería a explicación biolóxica de por que cando inxerimos esta froita non atopamos sementes.

Outras das súas idiosincrasias é que o plátano é o froito dunha planta e non dunha árbore, e que son froitas radioactivas, xa que conteñen un 0.0117% de potasio 40 na súa composición. Unha cifra que, por outra banda, non debe de asustarnos xa que sería necesario comer diariamente 900 plátanos para que a radiación fose similar á que nos afectaría a 20 quilómetros de distancia dun accidente nuclear non extremadamente grave.

É sabido que as células vexetais conteñen pigmentos asociados aos cloroplastos, nos cales se realiza a fotosíntese. Estes orgánulos están recubertos por un pigmento –a clorofila- que reflicte o espectro verde.

Pois ben, a clorofila está presente na pel do plátano antes de iniciar a maduración, por ese motivo este tipo de plátanos son de cor verde, os cales, ademais, parécennos menos doces que os plátanos maduros xa que na súa composición hai unha elevada cantidade de amidóns.

Unha vez o proceso de maduración iniciouse ten lugar unha degradación das células e os cloroplastos deterióranse. Coa degradación da clorofila entran en xogo outros pigmentos (carotenos e xantofilas) que son os responsables últimos da coloración amarelada. Os plátanos maduros teñen unha elevada concentración de fructosa, sacarosa e glicosa, o que explicaría o seu sabor dulzón.

Os plátanos son un verso libre no mundo das froitas, son os únicos que teñen unha forma curvada. Para poder entender a elección desta xeometría hai que ter en conta que os plátanos son orixinarios da selva tropical, onde a luz do sol apenas penetra a través da densa vexetación.

Estes froitos tiveron que adaptarse para buscar a luz solar e desafiar a forza da gravidade ’rubindo’ con todas as inflorescencias cara á copa da planta. Dalgunha forma poderíase dicir que, do mesmo xeito que sucede cos xirasois, os plátanos buscan a luz solar.

O ’esforzo’ que realiza o plátano para medrar en sentido contrario á terra –xeotropismo negativo- xera unha curvatura cara arriba característica, que pode ser máis ou menos pronunciada e de diferente coloración, segundo a variedade á que o plátano pertenza.

FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es

0 comentarios