A AUGA DA CHOIVA NON É TAN LIMPA COMO PENSANOS!
A auga de choiva acumula contaminantes nos tellados e as rúas a medida que atravesa as cidades / Alex Linch, Shutterstock.com/ec.europa.eu
Preto da cidade medieval de Gante (Bélxica), no municipio de Wetteren, uns investigadores tentan reducir a contaminación da auga da chuvia utilizando cunchas mariñas. En realidade, son millóns de cunchas do Mar do Norte as que recollen e filtran a auga que flúe durante as chuvias desde o tellado dun centro comercial e dun aparcamento.
As cunchas, amontoadas baixo un desaugadoiro superficial, teñen un espazo oco do 70% que lles permite almacenar a auga procedente dunha forte treboada. Tamén son unha estación natural de depuración da auga, que logo se utiliza para regar xardíns comunitarios. O experimento forma parte dun proxecto de investigación chamado StopUP que recibiu financiamento da Unión Europea (UE) para idear novas formas de evitar que as augas pluviais arrastren contaminantes a ríos, lagos e baías.
O proxecto céntrase na escorrentía urbana (augas de chuvia que acumulan contaminantes procedentes de rúas, tellados e outros lugares ao seu paso polas cidades) e no desbordamento dos sumidoiros. O obxectivo é garantir o tratamento destas augas residuais, que poden conter desde plásticos ata pesticidas. Segundo o profesor Thomas Wintgens, director do Instituto de Enxeñería Ambiental da Universidade RWTH de Aquisgrán (Alemaña): “As tecnoloxías e métodos de StopUP poderían proporcionar ferramentas aos profesionais para planificar e aplicar medidas que reduzan a contaminación das augas pluviais”. Wintgens coordina StopUP, que comezou en setembro de 2022 e prolongarase ata agosto de 2025.
Aínda que o 98% da poboación da UE ten acceso a servizos básicos de saneamento e máis do 90% das augas residuais urbanas xestiónanse conforme á lexislación europea que data de 1991, a contaminación segue sendo un gran reto. En Europa, o 38% das masas de auga superficiais presentan diversas formas de contaminación, segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente.
A saúde humana depende da auga limpa para beber, bañarse e cociñar. Tamén está en xogo a saúde do ecosistema, xa que as plantas e os animais vense afectados polas substancias químicas presentes en ríos, lagos e augas costeiras. “Aínda que na UE se avanzou moito no tratamento das augas residuais, o impacto das emisións residuais procedentes da escorrentía urbana e os desbordamentos da rede de sumidoiros é importante”, afirma Wintgens.
En colaboración con 11 universidades e empresas de Bélxica, Alemaña, Italia, os Países Baixos, Noruega, Suíza, Tunes e o Reino Unido, StopUP está a desenvolver tecnoloxías para comprender mellor de onde proceden os contaminantes e como chegan ás masas de auga. Os contaminantes máis habituais son os nutrientes, os hidrocarburos, os metais pesados e os contaminantes microbianos.
Na cidade alemá de Aquisgrán, preto das fronteiras belga e neerlandesa, StopUP está a probar un sistema de filtración con area para frear a contaminación por desbordamento dos sumidoiros no río Wurm. A técnica empregada, denominada “filtro de solo de retención”, consiste principalmente en area cunha capa inferior de drenaxe de grava e canas plantadas na superficie.
En Anveres, a segunda cidade máis grande de Bélxica despois de Bruxelas, os investigadores están a experimentar cun filtro de grava para tratar a escorrentía urbana. Trátase dun campo de investigación importante, moi relevante para as comunidades locais.
Luz Herrero é outra experta neste campo. Xefa de tecnoloxía ambiental do Centro Tecnolóxico AIMEN, no Porriño, coordina outro proxecto financiado pola UE para facer fronte á escorrentía nas cidades. Chámase WATERUN e durará catro anos, ata maio de 2026.
Herrero, que leva 18 anos traballando en tecnoloxías para facer fronte aos retos ambientais, afirma que pode existir unha gran fenda entre a percepción popular da auga de chuvia e a súa verdadeira composición. “Pode parecer que a auga de chuvia a é moi limpa, pero cando lava as rúas e os tellados cárgase de po, residuos de feces de animais, microplásticos e outros contaminantes tóxicos”, explica. “A contaminación difusa pode ter importantes repercusións negativas no benestar humano e a saúde dos ecosistemas”, apunta.
Por exemplo, os custos sanitarios en Europa asociados á presenza de nitrato (unha substancia química utilizada a miúdo como fertilizante) na auga potable superan os 1.000 millóns de euros ao ano, segundo a Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económicos.
Segundo Herrero, existe un “baleiro de coñecemento” sobre onde se orixina exactamente a contaminación e como se propaga pola auga. Por iso, WATERUN está a desenvolver sensores de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP), substancias químicas procedentes do carbón, o petróleo e a gasolina, que se colocarán nas concas urbanas. Tamén busca identificar a orixe e a distribución dos contaminantes.
O proxecto está a realizar estudos sobre o terreo en tres cidades con climas moi diferentes: Aarhus (Dinamarca), Santiago de Compostela e Ammán (Xordania). As tres cidades atópanse tamén en fases de acción diferentes, con Aarhus á cabeza e Santiago aínda preparándose.
Aarhus, con lagos próximos, unha conca fluvial e unha baía, céntrase nos estanques do centro da cidade. O seu obxectivo é eliminar o 70% dos microplásticos, o fósforo e os HAP, que poden acumularse no chan e danar a terra, as plantas e os animais. “En Aarhus xa puxeron en marcha infraestruturas para facer fronte á escorrentía urbana”, explica Herrero. Os investigadores de WATERUN teñen previsto basearse nos tres estudos de casos para elaborar directrices dirixidas ás autoridades municipais sobre a mellor maneira de abordar a escorrentía urbana.
A investigación é aínda máis importante debido á aceleración do cambio climático, que está a provocar tormentas e inundacións máis frecuentes, e cada vez máis graves, xunto co aumento das temperaturas e o empeoramento das ondas de calor. “Isto só pode agravar o problema, debido aos cambios nos patróns de precipitacións e ás choivas extremas”, afirma Herrero.
Wintgens destacou outra conexión climática, ao afirmar que as secas supoñen un reto para os propios investigadores. “Se non chove durante meses nun lugar concreto, non podemos tomar mostras de nada”, afirma. Pero o fundamental é a importancia da auga limpa. “Non nos esquezamos da calidade da auga”, sostén Wintgens. “É crucial, xa que determina a calidade da nosa contorna común”, conclúe.
0 comentarios