Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... POR QUE PECHAMOS OS OLLOS CANDO DURMIMOS?

Neno durmindo / getty/elpaís.com

O sono é un estado fisiolóxico no cal pasamos, máis ou menos, a terceira parte da nosa vida. Isto significa que unha persoa que viva 84 anos pasouse, aproximadamente, vinte e oito anos durmindo.

Neste momento dispoñemos de suficientemente base científica para poder afirmar que aquelas persoas que dormen ben a súa esperanza de vida é maior. E é que son varios os estudos científicos que estableceron unha relación causal entre a cantidade e a calidade de horas de sono cunha maior esperanza de vida.

A pesar de todo, o home actual dorme menos cantidade de horas que os seus antepasados, sendo a causa principal deste feito a existencia de luz artificial, a cal nos permite permanecer espertos unha cantidade de horas maior que as que nos ditarían os nosos ciclos circadianos.

Ata ben entrado o século XX a comunidade científica defendía que durante o sono a actividade cerebral cesaba e que entrabamos nun estado similar ao da perda de conciencia. Nestes momentos sabemos que isto non é así, que durante o sono a cortiza cerebral mantén un estado de activación permanente, aínda que é certo que é menor ao que existe nos estados de vixilia.

Pero isto non significa que o cerebro non cumpra unha función específica. Viuse que o sono é fundamental para a consolidación da información: durante o sono o noso cerebro é capaz de almacenar na memoria os datos que aprendemos durante o día.

A esta conclusión chegaron científicos da UCLA Health en colaboración con investigadores da Universidade de Tel Aviv, un achado que podería ofrecer novas pistas de como a estimulación cerebral profunda durante o sono pode ter efectos beneficiosos na memoria dos pacientes que sofren enfermidade de Alzheimer.

Outro dos feitos que suceden durante o sono é que, xeralmente, pechamos os ollos. Trátase dun mecanismo de protección, grazas ao cal a córnea e a esclerótica, as capas máis externas do noso globo ocular, están convenientemente hidratadas. Dalgunha forma a natureza deseñou este mecanismo para paliar a ausencia do parpadeo nocturno, escenario que nos coloca nun estado de indefensión ocular fronte ao dano ambiental, xa sexa polo po, a luz ou a secura.

Agora ben, non todas as persoas dormen cos ollos pechados, existe unha situación médica coñecida como lagoftalmos nocturno, na que as pálpebras non se poden pechar completamente. Isto pode deberse a un problema do nervio facial, o encargado de transmitir correctamente a información á musculatura encargada do peche das pálpebras, ou ben a factores externos ou mecánicos, como poden ser cicatrices, retracción palpebral… que, dalgunha forma, impiden o peche total da pálpebra.

Esta situación, por estraña que nos poida parecer, afecta ata un 20% da poboación mundial, segundo a American Academy of Ophtalmology, e pode chegar a provocar deshidratación ocular, sensación de corpo estraño no ollo, visión borrosa ao espertar ou unha hipersensibilidade anormal á luz.

FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es

0 comentarios