Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... POR QUE RIMOS CANDO NOS FAN CÓXEGAS?

Se facemos caso á Real Aacademia Galega (RAG) as cóxegas son sensacións que experimenta alguén ao sérenlle tocadas levemente certas partes do corpo e que se manifesta nunha risa involuntaria.

Un dos primeiros en abordar as cóxegas foi Aristóteles, alá polo século IV a. de C. No seu libro Sobre as partes dos animais o filósofo defendía que “a razón de que só o home teña cóxegas é a finura da súa pel e é, ademais, o único animal que ri”. Como agora veremos, nisto, o sabio macedonio equivocouse.

Os científicos distinguen dous tipos diferentes de cóxegas, unha suave, knismeses, e que consiste nunha sensación de irritación provocada por algún movemento suave sobre a pel. Desde un punto de vista biolóxico trátase dun mecanismo de protección, grazas ao cal nos protexemos dos insectos escorrentándoos ou rascándonos.

Este tipo de cóxegas non é único da nosa especie, podémolo atopar noutras moitas, por exemplo, no movemento de aleteo da cola dunha vaca para escorrentar ás moscas que as rodean.

Os antropólogos coinciden en afirmar a knimeses é unha reacción primitiva e que, posiblemente, apareceu hai uns oitenta millóns de anos.

O segundo tipo de cóxegas, tal e como describiron os psicólogos Stanley Hall e Arthur Allin en 1897, son as chamadas gargaleses. Aparecen tan só nalgúns mamíferos e están provocadas polo contacto físico con outros animais da súa especie.

É o tipo de cóxegas que se xeran entre amigos, entre unha nai e a súa cría, ou nunha parella.

As gargaleses, a diferenza da knimeses, teñen unha función social: crear lazos afectivos con outros membros e obter sensacións pracenteiras. Moi probablemente as primeiras cóxegas que aparecen están en relación co vínculo afectivo que se xera entre a nai e a cría.

Unha vez producida as cóxegas a sensación viaxa cara ao cerebro a través das mesmas fibras nerviosas que transmiten os sinais da dor, isto tradúcese en que a primeira postura que adoptamos cando nos fan cóxegas correspóndese cunha actitude defensiva.

A sensación é vehiculizada ata unha zona coñecida como codia somatosensorial, a rexión cerebral que se asocia coa sensación do tacto. Desde alí envíanse sinais ata outras zonas do cerebro, como son o hipotálamo, o hipocampo e o sistema límbico, que son as responsables últimas de que se xeren emocións pracenteiras, entre elas a risa.

Desta forma, a unha primeira fase de medo séguelle outra de «rebote» positiva, a risa, unha vez que o cerebro comproba que non existe perigo e que nos atopamos nunha zona de confort social.

É precisamente o mecanismo primixenio de alarma o que impide que unha persoa estraña póidanos facer cóxegas, posto que o noso cerebro ségueo percibindo como unha alarma real. Neste sentido, un grupo de investigadores españois demostrou que as cóxegas son sete veces máis probables con alguén do sexo contrario que cunha persoa do mesmo sexo, xa que neste segundo caso o noso cerebro segue en estado de alerta.

É sobradamente coñecido que o pescozo, as axilas e o abdome son as zonas máis sensibles ás cóxegas, pero quizais non sexa tan coñecido que o mapa xeográfico do noso corpo entende de xénero, é dicir, que mentres elas senten con máis intensidade as cóxegas e, en especial, na planta do pé, eles percíbenas máis nas zonas eróxenas.

FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia   Imaxe: Cordon Press

0 comentarios