Blogia
vgomez

TIBURÓNS: GARDIÁNS DOS OCÉANOS

Carece de branquias pero é un animal acuático. O fotógrafo submarino Rafael Fernández medrou nunha gran cidade, lonxe do mar, pero os seus xoguetes infantís eran lentes, tubo e aletas. Da man do seu pai, tamén fotógrafo submarino, comezou a mergullar aos 7 anos e aos 16 fixo a súa primeira inmersión cunha cámara de fotos. “Iso cambiou a miña maneira de ver o fondo mariño”, recoñece. O mozo Fernández asegura pasar máis tempo baixo a auga que en terra firme e mergullou os mares de todo o mundo impulsado pola curiosidade e a sede de aventura. “Un 90 % do océano está sen explorar, coñécese menos que o espazo exterior, e todas esas historias están alí. É ben bonito buscalas e tentar captalas”, recoñece o submarinista.

Por encima do ánimo trotamundos está o seu propósito de preservar a saúde do medio ambiente: estudou enxeñería e especializouse en enerxías renovables na Universidade Rei Xoan Carlos. Pero pronto chegaron os recoñecementos polas súas imaxes subacuáticas, sendo o fotógrafo máis novo en gañar o Campionato do Mundo e de Europa, ou o Underwater Photographer of the Year, en 2022.

Rafael Fernández é storyteller de National Geographic e dedica hoxe todos os seus esforzos en concienciar sobre a necesidade de protexer o verdadeiro pulmón do planeta: os océanos. Para xustificar o seu amor por ensinarnos o que sucede baixa a auga recorre ás palabras de Jacques Cousteau: “Só amamos e protexemos aquilo que coñecemos”.

0 comentarios