Blogia
vgomez

OS 10 AVANCES DA CIENCIA GALEGA DE 2023 (I)

O 2023 é un ano que deixa consigo grandes avances na ciencia galega. Os fitos logrados pensáronse dende os centros de investigación da comunidade, articulados polas tres universidades galegas, e abranguen todas as áreas da ciencia: arqueoloxía, intelixencia artificial, astronomía, química, enxeñaría, matemáticas, bioloxía… Foron moitas as investigacións con selo galego que merecen revelancia este ano, algunhas delas foron portada das revistas científicas máis prestixiosas e outras tantas deron a volta ao mundo, facendo resoar nomes de científicos e científicas galegos que acadan unha gran influencia fóra de Galicia. O conxunto de achados, investigacións, teses e artigos académicos é moi amplo, por iso resulta tan complicado realizar esta escolla que pretende resumir os dez avances da ciencia galega de 2023.

1. Un dos maiores glaciares da península en Pena Trevinca

Pena Trevinca albergou un dos maiores glaciares da península. Situado entre as provincias de Ourense e Zamora, a masa de xeo tiña unha lonxitude de 27 quilómetros e unha profundidade de 527 metros. Augusto Pérez Alberti e Alejandro Gómez-Pazo foron os xeógrafos que recrearon as linguas de xeo do Macizo de Trevinca para o que empregaron as técnicas SIG. Gracias a estes métodos de modelización revelouse a posible localización da masas de xeo e a súa relevancia. O glaciarismo é unha cuestión importante para entender a evolución do clima da terra e as formas das montañas, malia iso, todavía non fora explorado en Galicia. Até o momento non había precedentes sobre o volume e as características destas grandes masas de xeo.

 

Lagoa da serpe, de orixe glaciar, en Pena Trevinca / turismo.gal

2. Cancros transmisibles en berberechos

O equipo liderado por José Tubío, integrado por investigadores do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, conseguiu por vez primeira secuenciar cancros transmisibles nos berberechos que poden propagarse a través da auga. O equipo investiga os cancros transmisibles como liñaxes celurares malignas que se propagan de maneira clonal entre individuos. Descubriron neoplasias transmisibles, unha enfermidade similar á leucemia nos bivalvos mariños. Este é o caso do berberecho común (Cerastoderma edule) que habita as costas atlánticas de Europa e o noroeste de África. O estudo achega datos clave sobre a súa evolución: dende o tecido de orixe ata mutacións similares ás dos tumores en humanos.

Investigadores do CiMUS estudaron os cancros transmisibles en berberechos.

Continuará...

FONTE: gciencia.com

0 comentarios