Blogia
vgomez

OS 10 AVANCES DA CIENCIA GALEGA DE 2023 (V-FIN)

Foron moitas as investigacións con selo galego que merecen revelancia este ano, algunhas delas foron portada das revistas científicas máis prestixiosas e outras tantas deron a volta ao mundo, facendo resoar nomes de científicos e científicas galegos que acadan unha gran influencia fóra de Galicia. Remato, cos dos últimos, dos dez avances da ciencia galega de 2023.

9. Medicións de microplásticos

Un estudo publicado na revista Nature identificou en lagos galegos unha concentración de ata catro partículas de microplásticos por metro cúbico. Co obxectivo de atopar a orixe e determinar o impacto destes residuos plásticos nas augas superficiais, analizáronse 38 lagos e encoros distribuídos en 23 países. Entre eles, analizáronse as augas de MeiramaCecebre e Doniños. O estudo, no que participaron cinco científicos galegos, revelou que nos seis continentes estudados non se atopou un só lago ou encoro sen plásticos.

A investigación posta en marcha permitiu establecer unha metodoloxía estandarizada para poder comparar as medicións de microplásticos de calquera parte do mundo. O estudo demostrou por vez primeira que as concentracións de plásticos nalgúns lagos son máis altas que algunhas das partes máis contaminadas do océano, como por exemplo as illas de lixo do Océano Pacífico.

Contaminación por plásticos nas augas de Doniños / Rafael Carballeira

10. A exposición ao radon en Galicia

O radon (radon-222) é un gas radioactivo natural incoloro, inodoro e insípido. Ten a súa orixe na desintegración do uranio que se atopa no solo e nas rochas e pode chegar aos edificios atravesando o solo a través de fendas dos cimentos ou, en menor medida, dende materiais de construción. A súa inhalación en exceso pode provocar cancro de pulmón, especialmente en persoas fumadoras. É por iso que varios estudos galegos realizados ao longo deste ano centraron as súas investigacións na exposición ao radon dos galegos. O primeiro, publicado en abril, atopou un exceso deste gas nun terzo das aulas de Galicia e Portugal. O segundo, determinou que os galegos son os máis expostos ao radon nos seus postos de traballo.

Os niveis de radon alcanzados en interior teñen unha relación directa coas características propias da habitación ou do edificio, a súa localización ou o material de construción. Neste sentido, fixéronse investigacións para poder determinar cales son as zonas con maior exposición ao radon para así poder levar a cabo as medidas necesarias para protexer a saúde das persoas.

Mapa Nacional do radon empregado no estudo sobre a exposición ao radon nos postos de traballo / Consello de Seguridade Nuclear

Fin!

FONTE: gciencia.com

0 comentarios