SABÍAS QUE... COMO SE INVENTOU O CELOFÁN?
Espertámonos co son dunha alarma, que nos convida a iniciar un novo día, a grifería monomando permítenos axustar a temperatura cunha precisión suíza, o cepillo de dentes facilítanos a hixiene bucal, e saímos de casa con zapatos de sola antiescorregadizas, resultado de anos de investigación e desenvolvemento. Pequenos inventos que nos fan, sen dúbida, a vida moito máis fácil.
Un deses inventos é o celofán, esa cinta adhesiva e transparente que parece simple e insignificante, pero que esconde unha infinidade de posibilidades, fillas da necesidade, a creatividade e a procura de solucións.
O 31 de xaneiro de 1930 púxose á venda a primeira cinta adhesiva transparente en Estados Unidos, o que no noso país rebautizamos co nome de ’celofán’. Foi ideada polo enxeñeiro estadounidense Richard Gurley Drew, aínda que a súa historia comezara uns anos antes.
Na década dos vinte do século XX púxose de moda pintar os coches con dúas cores, algo que era verdadeiramente difícil conseguir. Por este motivo, Richard Gurley ideou en 1925 unha cinta adhesiva que, pegada ao longo do coche, permitía motear as dúas zonas por separado sen medo a que se mesturasen as cores.
Naqueles momentos Gurley traballaba para a multinacional americana 3M, abreviatura de Minnesota Mining and Manufacturing Company, unha empresa dedicada á investigación, fabricación e comercialización de produtos innovadores.
Desta forma alumouse a primeira cinta que coñecemos como ’de carrocero’ ou de ’enmarcar’ e que, a diferenza da cinta actual, tan só tiña a substancia adhesiva nos bordos, para que fose máis fácil quitala.
Os pintores dos coches queixáronse aos fabricantes por ser tan rañas, xa que en ocasións a cinta desprendíase. Como naqueles momentos os maiores produtores destas cintas eran escoceses (Scotch) empezouse a utilizar ese termo para referirse tanto á cinta adhesiva como para usalo como sinónimo de rañas.
Tal foi a popularidade que, co paso do tempo, Scotch acabouse convertendo nunha marca e deu nome á cinta transparente creada por Richard Drew.
O crack da bolsa de Nova York de 1929 trouxo consigo unha década marcada pola depresión económica, unha época na que substituír obxectos vellos por outros novos era verdadeiramente complicado, polo que a cinta Scotch converteuse nunha táboa salvavidas. Unha ferramenta coa que era posible prolongar a vida media de moitos obxectos sen que apenas se notara.
Desde entón o produto non deixou de comercializarse e nestes momentos calcúlase que se puxésemos todos os rolos que se venden anualmente no mundo xuntos ascenderían a máis de seis millóns de quilómetros, unha cifra que equivale a unhas 150 veces a circunferencia terrestre.
FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia Imaxe: elpais.com/escaparate
0 comentarios